Nota de prensa
A Fundación TIC potencia a difusión dos campionatos de baristas que acollerá o instituto de Foz entre os días 14 e 15
– Alumnos do segundo curso da Escola de Imaxe e Son gravarán o V Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o IV da Rexión Noroeste SCAE España, nos que participarán 15 centros de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal
– O Deputado de Economía do Coñecemento destacou que o instituto focense é “un referente en España” nesta especialidade profesional, o que prestixia a imaxe da Mariña e amplía as posibilidades de inserción laboral dos mozos
– José Ramón Val entregou en Mondoñedo á asociación Abrindo Camiño 500 copias dun DVD elaborado pola Escola de Imaxe sobre a xornada cultural A Noite de Merlín organizada polo colectivo mindoniense en decembro
O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación e patrono da Fundación TIC, José Ramón Val; o Alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira; o director do IES de Foz, Nemesio Rodríguez; e o coordinador dos certames, José Ríos, presentaron esta mañá no centro educativo focense o V Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o IV Campionato de Baristas Región Noroeste SCAE de España, que se celebrarán os vindeiros días 14 e 15 de febreiro, no propio instituto.
A TIC impulsará a difusión destes eventos, xa que os alumnos do segundo curso dos ciclos de Produción e Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, que depende da Deputación, realizarán a gravación íntegra de ambos os dous campionatos, o que permitirá a reprodución simultánea das demostracións dos participantes nunha pantalla. Posteriormente, os estudantes da EIS editarán un DVD, que se entregará ós responsables do IES de Foz para divulgalos certames.
José Ramón Val deu os seus parabéns ó instituto mariñano por esta iniciativa, grazas á que Foz é un “referente en España nesta especialidade profesional, o que prestixia a imaxe da Mariña e do resto da provincia, e amplía as posibilidades de inserción laboral da xente moza. Aquí na Mariña temos exemplos de que esta pode ser unha boa saída laboral”. O Deputado subliñou neste senso que os campionatos de baristas contribúen a “dignificar e potenciar a figura do profesional do café, desterrando a idea de que para preparar un bo café non é necesario ter coñecementos nin aptitudes”. “Referirnos a un barista como unha persoa que se encarga de preparar e servir cafés, sería como dicir que un sumiller é o encargado de abrilas botellas do viño no restaurante”, engadiu o Deputado.
No V Campionato Internacional de Baristas participarán 15 Escolas de Hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal. As demostracións darán comezo as 9.00 horas do vindeiro martes, día 14 e prolongaranse o longo de toda a mañá, para rematar as 15.00 horas coa entrega de premios. O mércores, día 15, terá lugar o IV Campionato de Baristas da Región Noroeste SCAE, Asociación Europea de Cafés Especiais, de España, na que se darán cita doce profesionais da hostalería de todo o pais. O longo das dúas xornadas haberá demostracións de Latte Art a cargo de ex alumnos do IES de Foz e degustacións de café gratuítas.
Colaboración intercentros
A colaboración entre a TIC e o instituto de Foz é froito dun convenio entre ambas entidades e ten como finalidade promocionar no exterior as ensinanzas de hostalería que se imparten no IES mariñano, ó tempo que os estudantes do único centro da provincia que imparte ciclos da familia do audiovisual completan a súa formación. A gravación forma parte da programación de prácticas reais da Escola de Imaxe e Son de Lugo, nas que os alumnos dispoñen dos medios técnicos necesarios para desenvolver un traballo profesional que contribúa a súa inserción laboral.
A Noite de Merlín
Por outra banda, José Ramón Val fixo entrega hoxe, no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo, de 500 copias do DVD sobre A Noite de Merlín a Luis Fernández Ansedes, o presidente da asociación mindoniense Abrindo Camiño, organizadora da xornada cultural celebrada o pasado 17 de decembro.
Bolseiros e estudantes da Escola de Imaxe e Son de Lugo realizaron o traballo audiovisual, que consta de dúas partes: a primeira recolle a representación teatral baseada na obra de Álvaro Cunqueiro Merlín e Familia, que se representou en diversos escenarios da localidade de Mondoñedo, e a segunda dá conta das conferencias impartidas durante o encontro. A presentación do dobre DVD terá lugar o vindeiro domingo, día 12, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo. Con esta colaboración, a Fundación TIC contribúe á promoción do encontro co fin de manter viva a lembranza da maxia cunqueriana e difundir a riqueza cultural da provincia, ó tempo que incrementa a experiencia práctica dos alumnos e bolseiros da EIS de Lugo.






















O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Ambas destacaron o impacto cultural do evento deste sábado en Lugo. A gala, presentada por Trisha Fernández e Federico Pérez, contará con actuacións de Xabier Díaz, Adufeiras de Salitre e Mondra.
Estes servizos sumaranse aos que xa permanecen abertos habitualmente, como os do parque Pernas Peón. O Día das Tortillas, que se celebra o domingo anterior ao Domingo de Ramos, reúne cada ano a veciños e visitantes en varios espazos do municipio. Con esta medida, o Concello busca facilitar o desfrute da xornada e mellorar a comodidade das persoas asistentes. Desde o Concello de Viveiro lémbrase tamén a importancia de facer un uso responsable das instalacións públicas, de manter limpos os espazos naturais e de respectar as n
Afectarán aos seguintes servizos: Piscina: pechada. Duchas dos vestiarios: pechadas. Ximnasio e actividades en seco: abertos no horario habitual. O Concello agradece a comprensión da cidadanía.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
A actividade conta coa colaboración do Concello.



