Nota de prensa
A MARIÑA ALEVÍN, SUBCAMPIOA NO AUTONÓMICO DE SELECCIÓNS LOCAIS
A Mariña fíxose co título de subcampioa no Campionato Autonómico de Seleccións Locais de Base na categoría alevín este domingo no Carballiño, tras un axustado 2-3 na final fronte ao combinado de Cambre.
A selección mariñá, cos burelistas Néstor Valle, Álex Esquerdeiro, Luca Eijo, Álvaro Suárez, Luismi Nieto e Alberto Quelle, conseguiu o billete para a última fase tras o empate 2-2 con Lambre e a vitoria 6-0 fronte a Lugo. Nas semifinais A Mariña venceu a Lugo Sur (6-2) e Cambre, pola súa banda, accedeu á loita polo título tras impoñerse a Santiago (5-3).
Semana intensa coa Galega
O CD Burela FS Pescados Rubén terá unha semana intensa na preparación coa Selección Galega en diferentes categorías. A Sub-19 adestrará hoxe (18.45 horas) no pavillón compostelán de Roxos, co chamamento dos laranxas Aarón Fraga e Andrés Míguez. Lidia Mesías terá unha nova sesión coa Sub-23 o mércores (19.45), nas intalacións santiaguesas de Monte dos Postes. Por último, os benxamíns burelistas Hugo Rodríguez, Pol Passa e Juan López tamén foron reclamados para prepararse co combinado irmandiño, o xoves no pavillón municipal de Teixeiro (18.45).