Nota de prensa:
O goberno de Cervo lamenta que o asesor do BNG na Deputación viva nun mundo de fantasía
-A edil de Facenda, Tania González, pensa que o señor Estúa debería volver á realidade e actúe en base ao sentido común
-O executivo local critica que o asesor nacionalista pide documentación ao Concello e despois desinterésase por ela
Cervo, 28 de febreiro de 2012-O goberno local de Cervo considera que o asesor do BNG na Deputación, Xoán Antón Estúa, vive nun mundo “de fantasía” en relación ás críticas vertidas polo nacionalista sobre o pagamento de facturas. A edil de Facenda, Tania Fernández, asegura que “parece que o señor Estúa non sabe en que mundo vive e semella que aínda non se deu conta de que o Estado atravesa unha situación económica moi difícil”. Por iso a concelleira pídelle que “baixe das nubes e poña os pés na terra” antes de denunciar os tempos dos pagamentos de facturas aos provedores, unha realidade “da que tamén é partícipe a administración da que vostede cobra, como é a Deputación Provincial”.
Tania González quere lembrarlle ao asesor do BNG na Deputación que el tamén traballa para unha administración, e polo tanto, “antes de falar debería mirar dentro da súa casa, onde non se sabe se o BNG se atopa a gusto”. González explica que “os nacionalistas son partidarios de eliminar a Deputación, pero ao mesmo tempo, soldos como o do asesor do BNG na Deputación se seguen pagando puntualmente”.
A edil de Facenda denuncia ademais a falta de dilixencia do señor Estúa co seu traballo na oposición de Cervo: “O asesor do BNG pediu unha documentación referente ao Concello que Secretaría lle preparou e lle comunicou con tempo a data na que podería consultala. Nese día establecido non apareceu”. Para Tania González, “o señor asesor estaría soñando co seu país das marabillas e por iso se esqueceu de recoller eses informes”.
A responsable de Facenda lamenta a escasa memoria do asesor do BNG na Deputación, que esqueceu “a contribución dos nacionalistas á crise do Estado. Ou é que xa non se lembra o señor Estúa de que dende o 2006 ao 2009 os nacionalistas votaron a favor dos orzamentos de Zapatero?”. González lembra que eses anos eran cruciais para a economía española, xa que “a crise comezaba a xestarse e as primeiras medidas eran determinantes”.