ACISA XA TEN PAI. DOMINGO GONZÁLEZ DÍAZ É O GAÑADOR DOS 1.000 EUROS EN VALES DE COMPRA DA CAMPAÑA DO PAI.
Ribadeo, 22 de marzo de 2012. ACISA xa ten pai. Domingo González Díaz, veciño de Ribadeo, é o gañador dos 1.000 euros en vales de compra postos en xogo na campaña organizada para celebrar o día do pai. O premio sorteóuse nas últimas horas nas instalacións da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos.
Todas as persoas que fixeron as súas compras ata o pasado día 19 de marzo no comercio de Ribadeo recibiron unha serie de papeletas que tiveron que cubrir co seu nome e o número de teléfono. Entre todas as depositadas foi extraída a de Domingo González Díaz, que “se mostrou moi satisfeito pola consecución deste premio”, segundo sinalan desde ACISA. Este ribadense, que fixo compras e depositou a súa papeleta na Ferretería Morán, terá un mes para gastar os 1.000 euros en vales de compra nos establecimentos asociados a ACISA.
Desde a directiva da Asociación de Comerciantes de Ribadeo agradecen “a todos os locais a súa participación nesta campaña do pai. Agardamos seguir contando coa súa colaboración e co seu apoio nas vindeiras iniciativas que levaremos adiante”. Desde ACISA felicitan a Domingo González Díaz e sinalan que “sempre é motivo de ledicia entregar os premios que se poñen en xogo”.