Nota de prensa
O BNG INCIDE NA NECESIDADE DE QUE O CONCELLO DE BARREIROS FAGA AS XESTIÓNS OPORTUNAS PARA TRATAR DE MODIFICAR O TRAZADO DO GASODUTO.
O proxecto de trazado ten que ter permisos da Xunta e do Ministerio para ser definitivo e poder realizarse.
Na noite de onte tivo lugar unha xuntanza da plataforma de afectadas e afectados polo trazado do gasoduto en Barreiros, onde se deu conta das actuacións que se estiveron levando a cabo e das posibles accións a presentar nun futuro.
O BNG acudiu convidado polos organizadores e alégrase de que “por fin o Alcalde se decidise a dar a cara diante das veciñas e veciños e acudise a esta xuntanza; xa que, no verán do ano pasado, cando os afectados comezaron a preocuparse, tivo que ser o BNG quen canalizara as súas actuacións, axudándolles na redacción das alegacións e solicitando a convocatoria dun pleno extraordinario para tratar as alegacións veciñais e municipais.”
“Agardamos que o Alcalde se tome en serio o asunto e aposte por defender a ultranza os intereses das veciñas e dos veciños”, sinalan desde o BNG. “Neste sentido, apostamos porque o Concello de Barreiros se dirixa oficialmente ao Ministerio de Industria, que é quen ten a última palabra neste asunto, para solicitarlle unha modificación do trazado menos lesiva para as veciñas e veciños. A posibilidade de modificar o trazado, tal e como solicitan as afectadas e afectados, existe e é o Partido Popular quen ten na súa man todos os instrumentos para facelo. Así que agardamos que Alfonso Fuente estea á altura das circunstancias e poña por diante os intereses das e dos barreirenses”, explican os nacionalistas. “Por iso nos sorprende que mentres en Barreiros hai un importante malestar social polo trazado do gasoduto, Feijoo inste ao Goberno do Estado a axilizar o proxecto. Cremos que o Alcalde de Barreiros debería falar cos membros do seu partido para asegurar unha solución axeitada e o menos lesiva posible para as veciñas e veciños.”
Ademais, desde o BNG de Barreiros, amósanse sorprendidos polas declaracións feitas hai poucos días por Alfonso Fuente nas que prevía uns ingresos no Concello derivados da licenza de obra do gasoduto duns 150.000 euros. Desde o BNG pregúntanse “como é posible que se estea contabilizando este dato cando o proxecto está sendo contestado socialmente e a tramitación do mesmo prevese longa. Afirma o BNG que “ou se está ocultando información e se sabe desde o goberno municipal que ese proxecto vai saír adiante ou se está utilizando ese dato, sabendo que non é real, para maquillar as contas municipais.”