O PLAN DE AXUSTE DO CONCELLO SOMETERÁSE A APROBACIÓN NO PLENO ORDINARIO DE MAÑÁ. ÉSTE CONTEMPLA, ENTRE OUTRAS MEDIDAS, A RECUPERACIÓN DE SERVIZOS QUE ESTÁN EXTERNALIZADOS NA ACTUALIDADE E A REDUCCIÓN DO GASTO CORRENTE. GONZÁLEZ BARCIA DI QUE A SITUACIÓN ECONÓMICA PERMITIRANOS MANTER OS SERVIZOS BÁSICOS, SEN ALARDES ADICIONAIS.
Burela, 28 de marzo de 2012. O plan de axuste do Concello de Burela someteráse a aprobación no pleno ordinario de mañá xoves, 29 de marzo. O alcalde, José Mª González Barcia, subliñou que non haberá redución da plantilla municipal, que o Concello tentará recuperar algunha xestión que agora está externalizada, que se creará un ente xestor da recadación que teña custe cero para as arcas municipais e que se reducirá o gasto corrente nuns 46.000 euros. Esas son as liñas básicas do plan de axuste do Concello de Burela.
Esta mañá rematou a elaboración do plan de axuste que o Concello de Burela aprobará en pleno e que ten que ser remitido, como moi tarde, o vindeiro venres ao Ministerio de Hacienda. Dito plan inclúese con carácter de urxencia na orde do día do pleno ordinario que se celebrará mañá xoves ás 20 horas. Todos os grupos políticos teñen xa no seu haber dito plan.
González Barcia sinalou que “o plan de axuste ven derivado da relación de facturas entregadas no Concello antes do 31 de decembro pasado e que ascenden a 1.320.000 euros. Dito importe é inferior ao total que nós nos atopamos no Concello cando chegamos hai uns meses e que se situaba nos 2 millóns de euros, o que demostra o esforzo realizado para poñernos ao día”. Na relación de facturas presentadas non hai ningunha derivada da etapa anterior do PP.
Sobre as liñas básicas do devandito plan o rexedor indicou que “en materia de persoal non se prevé ningunha redución da plantilla municipal propiamente dita. Nin o persoal funcionario nin o persoal laboral fixo se verá afectado. E o persoal laboral temporal estará a expensas da existencia de fondos para poder levar adiante a súa contratación ou da concesión de subvencións por parte doutras administracións, como ocorrerá en breve coa Xunta a través do plan de cooperación. No que se refire aos incrementos salariais estaremos ao que dispoña o propio goberno central e que, como se sabe, para este ano é de cero euros”.
O equipo de goberno do Concello de Burela tentará “recuperar algunha xestión que agora temos externalizada. Por exemplo, a xestión das multas se está a realizar a través dunha empresa que nos está a cobrar un tanto por cento sobre multa cobrada. Entendemos que así poderíamos recuperar da orden dos 7.000 ou 8.000 euros, que nos tempos que corren pode ser unha cantidade importante. Tamén tentaremos reducir a cero o custe que agora mesmo ten o Concello para xestionar a recadación. Imos constituír un ente xestor que teña coste cero para o Concello. Para que todo o mundo o entenda, a xeneración de recibos e o envío dos mesmos dos distintos impostos que pagan os cidadáns xenera un gasto ao Concello que, en definitiva, pagamos entre todos. Entón tentaremos recuperar eses cartos para levar adiante un maior aforro”.
González Barcia subliñou que “imos facer unha redución importante no capítulo de gasto corrente. Estamos ultimando un informe sobre o aforro realizado no alumeado público. Nós puxemos en marcha unha medida que en principio non foi demasiado ben recibida pola cidadanía, pero que agora sí se entende, e levamos meses aforrando enerxía e cartos dun xeito significativo. Calculamos que o aforro en gasto corrente pode chegar aos 46.000 euros”.
O alcalde de Burela explicou que “o plan de axuste durará ata o ano 2022, incluído. Entendemos que se nos pode conceder ese crédito que o goberno central concederá aos Concellos para o abono das débedas a proveedores por importe de 1.320.000 euros. Nos dous primeiros anos só pagaremos intereses e nos oito seguintes se pagarán intereses e se amortizará capital. Trátase dunha inxección de cartos importante para que autónomos e pequenos empresarios manteñan emprego”.
Para o rexedor e o seu equipo “a situación do Concello de Burela permitirá manter os servizos que se prestan á cidadanía, pero non haberá marxe para ningún tipo de alegría. Temos que ser conscientes de que non podemos gastar máis do que temos. Non se contempla a posibilidade inmediata de incremento de impostos, e pensamos que coa colaboración de todos poderemos saír adiante”.
Na actualidade a recadación de Concello de Burela sitúase nos 5.500.000 euros. González Barcia considera que “esa cifra se vai manter e incluso se pode incrementar” e insistiu en que “non hai previsto ningún incremento dos impostos municipais salvo as actualizacións derivadas da aplicación do IPC”.
Remitido