Nota de prensa
Preto de 100 persoas de Galicia e Asturias participaron na III Ruta Medela de Cervo
-A proba foi un éxito de convocatoria e desenvolveuse sen incidentes a pesar da chuvia
-A maioría dos participantes acudiron en grupos de amigos e coñecidos para gozar dunha ruta non competitiva e de dificultade media
Cervo, 5 de febreiro de 2012-A III Ruta Medela de cicloturismo, organizada polo Club Medela coa colaboración do Concello de Cervo, foi todo un éxito. Preto de 100 persoas procedentes de distintos puntos de Galicia e de Asturias participaron nesta proba consistente en percorrer 39 quilómetros en bicicleta de montaña por distintos paraxes do municipio cervense.
A chuvia acompañou aos ciclistas ao longo de boa parte da ruta pero, aínda así, non se rexistrou ningún incidente e desenvolveuse como estaba previsto, saíndo da piscina de San Ciprián pasando polos lugares de Vilar, Lieiro, Espiñeirido, Cervo, Sargadelos, A Senra e Gondrás e rematando no punto de saída.
Cabe destacar que se trata dunha proba de recente creación pero que “ano tras ano vai gañando en capacidade de convocatoria” explica o edil de Deportes, José Ramón Soto. De feito, nesta terceira edición o número de participantes foi superior ao do ano anterior. O concelleiro destaca que “as redes sociais teñen moita importancia neste tipo de acontecementos deportivos, xa que a través delas os afeccionados realizan chamadas á participación”. Soto asegura que “os participantes quedaron moi satisfeitos”, algo que segundo o edil redundará en beneficio desta ruta, “xa que a boa experiencia destes ciclistas animará a outros a acudir o ano que vén”.
Ao tratarse dunha actividade non competitiva os ciclistas “achéganse en grupos de tres ou catro persoas, que atopan nesta proba un bo xeito de viaxar e facer turismo ao tempo que practican deporte”, remata o concelleiro.