Nota de prensa
OS CONCELLOS XA PODEN SOLICITAR AXUDAS DOS PLANS DE COOPERACIÓN QUE PRIORIZARÁN ESTE ANO AOS QUE SOLICITEN SERVIZOS CONXUNTAMENTE
§ A directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron hoxe dúas ordes de axudas –tanto para concellos como para entidades distintas da local-
§ Estas subvencións favorecerán este ano a contratación dunhas 5.100 persoas en toda Galicia
§ O investimento total ascende aos 65 millóns de euros, dos que 45 serán para entidades locais; e preto de 20 para organismos das administracións públicas distintas das locais, universidades e entidades sen ánimo de lucro
§ Por primeira vez, os concellos que se presenten de xeito coordinado verán incrementado o seu número mínimo de contratacións e contarán con puntuación adicional nos criterios de valoración
§ Mantense tamén a posibilidade da contratación anticipada dun máximo de dúas persoas para aqueles servizos que precisen dunha atención urxente, e de ata 12 persoas no caso dos GRUMIR
§ En 2011, os plans de cooperación beneficiaron na provincia de Lugo a máis de 1.100 desempregados e preto de 180 entidades
Lugo, 21 de marzo de 2012.- Os Plans de cooperación con entidades locais primarán este ano por primeira vez a aqueles concellos limítrofes que decidan coordinar as súas solicitudes. En concreto, os gobernos municipais que soliciten servizos mancomundados verán incrementado o seu número mínimo de contratacións e contarán con puntuación adicional nos criterios de valoración.
A directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron hoxe en Lugo as dúas ordes dos Plans de cooperación que se publicaron este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG): a dirixida a entidades locais; e a destinada aos organismos das administracións públicas distintas das locais, universidades e entidades sen ánimo de lucro.
En concreto, ambas ordes ascenden a 65 millóns de euros, e beneficiarán a unhas 5.100 persoas: no caso dos concellos, serán 45 millóns de euros; e no caso das entidades distintas da local, o orzamento é de preto de 20 millóns de euros.
O obxectivo das dúas iniciativas é mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas. Así, aos beneficiarios ofrécelles un posto de traballo e tamén unha experiencia profesional que “vai axudar a súa posterior inserción laboral”. Outro aspecto salientable destes proxectos é que permiten “adecuar as políticas activas de emprego ás necesidades concretas de cada territorio”, destacou a directora xeral.
Lembrou, ademais, que ofrecen unha atención especial aos colectivos con maiores dificultades, de xeito que priorizan a contratación de: mulleres (en especial as vítimas de violencia de xénero); menores de 30 anos; desempregados maiores de 45 anos; persoas con discapacidade; desempregados de longa duración ou que esgotaran prestacións e subsidios; e integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.
O ano pasado, os plans de cooperación favoreceron na provincia de Lugo a máis de 1.100 persoas desempregadas e preto de 180 entidades. Das máis de 1.100 persoas contratadas un total de 176 desenvolveron o seu labor nos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumires).
Colaboración entre concellos
A principal novidade da convocatoria deste ano é que se establecen vantaxes para os concellos que decidan coordinar as súas solicitudes. “Estamos a potenciar de forma pioneira a colaboración entre concellos na prestación de servizos, tanto no eido social como no eido laboral”, concretou Amparo González.
Deste xeito, explicou que cada concello conta cun mínimo de contratacións en función do seu número de habitantes. Neste caso, cando soliciten servizos mancomunados esa axuda mínima vaise ver incrementada nunha contratación adicional. Ademais, a convocatoria establece un novo criterio de valoración que outorgará 10 puntos ás solicitudes coordinadas, de xeito que “aumentarán as súas opcións de conseguir un maior número de contratacións”.
O segundo punto novidoso da orde deste ano é que se establecen medidas para a vinculación efectiva entre este programas e a inserción laboral. O obxectivo é acadar unha maior implicación dos concellos e entidades na consecución dun emprego, posteriormente á participación nestes plans de cooperación. Así, primarase en posteriores convocatorias a aqueles concellos que lograran unha maior inserción laboral dos seus participantes.
Por último, a terceira gran novidade deste ano é que a presentación de solicitudes realizarase de forma telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo será ata o próximo 11 de abril, agás no caso das mulleres vítimas de violencia de xénero, que poderán presentarase ata o 15 de novembro.
Outras novidades
A directora xeral recordou que este ano mantense tamén a posibilidade de contratación anticipada por parte dos concellos, que se incluía xa o ano pasado. Con este procedemento os concellos poderán contratar de xeito anticipado un máximo de dúas persoas para a atención urxente de servizos que precisen dunha actuación inmediata, coa excepción do caso dos GRUMIR (Grupos municipais de intervención rápida), que poderán contratar de xeito anticipado ata 12 persoas.
Consolídase nesta convocatoria o establecemento duns tope mínimos e máximos para a concesión de axudas. Nos concellos, os topes establécense segundo o número de habitantes. Por exemplo, se o concello ten menos de mil habitantes, o mínimo serán dúas contratacións. E a contía máxima será o equivalente en contratacións por 500.000 euros. No caso das entidades, o límite máximo de prazas irá en función do ámbito territorial de actuación, variando en función de se é municipal, comarcal, provincial, pluriprovincial ou autonómico.
Este ano, como outra novidade, os concellos non poderán contratar aos traballadores e traballadoras que xa foran beneficiarios en 2011. Esta medida, que xa se aplicaba para as entidades sen ánimo de lucro, favorece a natureza “rotatoria” destes programas.
En definitiva, resumiu a directora xeral, todas as novidades “están dirixidas a optimizar os recursos e a incrementar a eficacia e eficiencia das nosas políticas activas de emprego”.
























Afectarán aos seguintes servizos: Piscina: pechada. Duchas dos vestiarios: pechadas. Ximnasio e actividades en seco: abertos no horario habitual. O Concello agradece a comprensión da cidadanía.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será na Igrexa de Santa María ás 20:30 h. Debido ao aforo limitado e ao cumprimento da normativa vixente, editaranse entradas que se repartirán no acceso da igrexa o propio día do concerto, onde tamén se realizará o control de acceso.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.



