Mondoñedo asumirá a rúa San Lucas en dous meses, logo da publicación hoxe no DOG do cambio de titularidade
A Consellería de Medio Ambiente cede este vial da estrada LU-130 á Administración local, entidade que se encargará de mantela a partir da entrega que será oficial do prazo de dous meses
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sinala que a cesión deste tramo formalízase porque a vía adquiriu as características de treito urbano
Con este cambio beneficiaranse os máis de 5.000 veciños desta vila e a súa área de influencia
Santiago, 24 de abril de 2012.- O Concello de Mondoñedo asumirá no prazo de dous meses a rúa San Lucas, un tramo da estrada secundaria e autonómica Ronda de Mondoñedo (LU-130), logo de que o Diario Oficial de Galicia publicase hoxe este cambio de titularidade. O tramo, que ten unha lonxitude total de algo máis de un quilómetro, pertence á rede secundaria de estradas da Xunta de Galicia e con este cambio beneficiaranse aos máis de 5.000 veciños desta vila e a súa área de influencia.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decidiu formalizar este traspaso porque a vía adquiriu nestes puntos características de treito urbano. Para elo, a Axencia Galega de Infraestruturas estudou e considerou adecuado o cambio de titularidade de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, a transferencia da titularidade.
O Concello de Mondoñedo, a partir da formalización da entrega, será a responsable de todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía. Tamén se ocupará do exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular da estrada.
Este expediente tramitouse ao abeiro dos artigos 5 e 54 da vixente Lei de Estradas do 14 de setembro de 1994, que establece que os cambios de titularidade das estradas se aproben por Decreto da Xunta de Galicia, a proposta da Consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.