CAFÉ PARA TODOS?
En breve, abrirase un debate político de enorme calado. De feito, sempre estivo latente. Aínda que de maneira discreta e rexurdindo de cando en vez con desigual fortuna. A saber, a existencia e o rol a desempeñar polas Comunidades Autónomas.
O PP especula cunha recentralización do poder territorial. Trátase de diseccionar o modelo autonómico para retomar prerrogativas que entenden que deben estar ligadas ao Executivo estatal. E saben que o momento propicio para logralo é o presente. Sen reparar nos agravios que poderían levar.
O clima social orixinado pola crise económica está disposto a lidiar co que faga falta. A cidadanía nunca imaxinara ter que afrontar as problemáticas actuais.
Á súa vez, a maioría absoluta que ostenta o PP con case toda unha lexislatura por diante dá para moito. Tamén, por certo, para queimar as naves. Porque pode ocorrer que Mariano Rajoy non lle importe estar tan só un mandato.
A presenza institucional dos populares ao longo e ancho da xeografía nacional é inaudita, sobre todo nas Cortes Xerais, e permítelles unha marxe de manobra amplo.
É máis, poden contar ou non co respaldo dos nacionalistas vascos e cataláns que, no fondo, nunca lles agradou aquela fórmula empregada a comezos da democracia do “café para todos”. En cambio, desexaban a diferenciación ante o resto das Comunidades Autónomas.
Como exemplo: O líder de Uniu Democràtica de Catalunya (UDC), Josep Antoni Duran i Lleida, propuxo este venres na súa carta-web á militancia do seu partido que só catro autonomías conserven o seu status “máis aló dun grao de descentralización eficaz para o resto de rexións do Estado”. Para Durán, este catro autonomías deben ser Catalunya, País Vasco, Navarra e Galicia.
Non é casualidade que o encargado de idear e executar os recortes, Cristóbal Montoro, ocupe a carteira de Facenda e Administracións Públicas. A decisión de Mariano Rajoy de relacionar ambas as materias facilita imaxinarse as súas intencións.
Doutra banda, as posibilidades constitucionais son todas. Porque unha vez lida a Carta Magna ninguén concibe a arquitectura territorial que deseñou o poder constituínte.
Agora ben, a España de hoxe non é a de finais da década dos anos setenta e principios do oitenta. Entón, todo estaba por facer. Os contrapoderes eran diversos e, sen ir máis lonxe, o ruído de sables nos cuarteis contiña as ambicións dos que avogaban pola maior descentralización.
Pola contra, a implantación das Comunidades Autónomas no noso país é unha realidade. Ben é certo que froito da improvisación. Pero está aí. E, por tanto, reducilas á súa mínima expresión non só é politicamente ousado senón que suscitaría, sen dúbida, unha brecha de posterior difícil arranxo.
En fin, excesos autonómicos existen que, como é natural, deben ser corrixidos. Pero non todas as rexións se atopan en idéntica situación de angustia orzamentaria. Unhas realizaron mellor as súas tarefas que outras. Non se debe aproveitar o escenario socioeconómico para perpetrar anexas pretensións que, de paso, perturbarían a convivencia constitucional.
Otero Regal