A XUNTA DE GALIZA DINAMITA O SECTOR LÁCTEO GALEGO
A Federación Rural Galega-FRUGA denuncia que a empresa Alimentos Lácteos, participada
pola propia Xunta, tira o prezo do leite
Lugo, 24 de abril de 2012. En 2009, o grupo Pascual puxo en venda a planta láctea de Outeiro de
Rei (Lugo), e aínda que existía unha oferta para a súa compra por parte dun grupo de 23
cooperativas onde había algunha que xa tiña experiencia na transformación de leite, finalmente, e
tras a intermediación do por aquel entón conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, a Xunta de
Galiza conseguíu apartar do proxecto a boa parte desas cooperativas e deixar ao frente a só
cinco, lideradas por AArzuana, e estreitamente ligadas ao Partido Popular.
Xa naquel momento, a Federación Rural Galega-FRUGA advertíu da dubidosa viabilidade deste
proxecto e sinalou que a decisión tomada correspondía, máis que a criterios técnicos e
económicos, a intereses partidistas. Pois ben, tres anos despois o resultado non pode ser máis
desastroso, segundo datos do Rexistro Mercantil correspondentes ao 2010, fixéronse públicas
unhas perdas de Alimentos Lácteos de 3 millóns e medio de euros, contía incluso superior ao seu
activo circulante co cal se demostra, primeiramente a inviabilidade e a mala xestión do proxecto, a
pesar das cantidades que ten inxectado a propia Consellería do Medio Rural.
A estes antecedentes temos que sumar algo do que a FRUGA ten constancia: a empresa
Alimentos Lácteos está a ofertar leite á distribución con prezos por baixo do prezo de mercado.
Deste xeito, primeiramente afecta ao prezo que reciben os gandeiros que lle subministran leite á
propia empresa e finalmente tamén acaba provocando unha baixada no prezo a recibir polo
conxunto dos productores de leite galegos, xa que as outras empresas lácteas vense na obriga de
ter tamén que baixar o prezo á hora de ofertar o seu producto á distribución para poder manterse
no mercado. Isto dentro dun contexto de prezos do leite onde os gandeiros da Galiza cobran o
leite máis baixo do Estado Español, que á súa vez, é onde máis baixo está na Unión Europea.
Deste xeito, a Xunta de Galiza é responsable, por unha banda, de poñer atrancos para a creación
do tan necesario Grupo Lácteo Galego e de dilapidar cartos públicos unha e outra vez nunha
empresa de dubicosa viabilidade e por outra banda, a Xunta dado que ten unha decisiva
participación en Alimentos Lácteos, é tamén responsable da baixada de prezos que están a sufrir
as explotacións de leite galegas.
Todo isto acontece nun contexto onde continúa a forte subida dos custos de producción, e onde o
Partido Popular, lonxe de ter intención de amañar a crise do sector lácteo galego aínda baralla
tomar medidas que perxudicarían aínda máis ao sector como son as pretensións do Goberno de
Mariano Rajoy de boicotear a compra de soia argentina como represalia á nacionalización de YPF,
filial de Repsol, por Arxentina,
Se esta amenaza se leva a cabo, a consecuencia disto na Galiza, onde o 70% da soia destinada
ao alimento do gando provén de Arxentina, provocaría, como mínimo, un novo incremento de
prezo no pienso e incluso podería por en perigo o propio abastecemento de materia prima aos
fabricantes de pienso