O BNG DE FOZ EN CONTRA DO MEDICAMENTAZO E DAS MEDIDAS EDUCATIVAS IMPOSTAS POLO PP
“O PP quer implantar un sistema de beneficiencia social sen dereitos similar o das épocas predemocráticas” afirma Basanta
O portavoz municipal do BNG tamén afirmou que “imos volver ás aulas de 40 alumnos e alumnas onde unha educación de calidade e para todos era case imposible”
Foz, a 26 de abril de 2012.- O BNG levará dúas mocións por urxencia no pleno de hoxe instando á Xunta que rexeite o “repago” farmaceútico e máis as medidas en materia educativa aprobadas polo Goberno do Estado neste mes.
O pasado día 20 aprobouse en Consello de Ministros unha medida polo que os pensionistas, que actualmente non pagan nada polos medicamentos, deberán abonar un 10% do seu valor, cun límite de entre 8 e 18 euros ao mes, mentres que os traballadores activos, que xa abonan o 40% das receitas, verán elevada a súa achega até o 50% ou o 60%, en función da renda.
A todas vistas para o BNG esta nova medida é unha decisión inxusta e anti-social que afecta en maior medida aos galegos e galegas por ter das pensións máis baixas do Estado e por ter os salarios tamén máis baixos. Tamén é inxusta porque non é de recibo que unha persoa gañando máis de 100.000 euros ao ano pague só un 10% máis que unha que gañe 18.000 euros.
O sábado, 21 de abril, o PP tamén publicou no BOE o Real Decreto- Lei 14/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo. Este decreto, entre as medidas que contén, permite as Administracións educativas ampliar ata un 20 % o número máximo de alumnos, a modificación da xornada lectiva do profesorado, a non cobertura durante os dez primeiros días de calquera baixa independentemente da súa duración, o aprazamento na implantación dos novos ciclos formativos ata o curso 2014-15 ou a suba das taxas universitarias. Todas estas medidas son contrarias á calidade do ensino, mais tamén ao dereito de igualdade de oportunidades, revelando unha concepción elitista do ensino.
Agora queda patente “que o PP enganou completamente á cidadanía durante a campaña electoral na que dixo que nunca tocaría a sanidade, nin a educación nin os servizos sociais e agora está a facer o contrario do que se comprometeu”, declarou Basanta, o portavoz municipal do BNG. Para o BNG antes de facer recortes no sistema público de sanidade e no educativo tería que realizarse unha nova fiscalidade que grave máis aos que máis teñen e persiga o fraude fiscal en vez de perdoar aos delincuentes como está a facer o PP. Tamén debería recortarse antes en gastos militares, en protocolo, en aportacións á Igrexa ou na eliminación de institucións obsoletas como algún ministerio ou as deputacións.
Con estas medidas contra o sistema sanitario e educativo está claro que o obxectivo final do PP é o de rematar cos piares do Estado de Benestar como son a sanidade e a educación públicas cara a un modelo dual, cun de beneficencia para unha maioría social e outro para quen o poda pagar despois da súa privatización.
Remitido