O bipartito local incumpre o acordo do pleno municipal aprobado por unanimidade o 28 de setembro de 2009 e que obrigaba ao Concello a emprender as accións legais oportunas para obter as indemnizacións correspondentes
BALSEIRO PREGUNTA Á XUNTA SE COÑECE AS RAZÓNS POLAS QUE O GOBERNO LOCAL DE VIVEIRO NON EFECTÚA A RECLAMACIÓN XUDICIAL CONTRA A EMPRESA CAUSANTE DOS DANOS DO CELEIRIÑO
O Partido Popular pide á Xunta que cuantifique a cantidade achegada pola Xunta de Galicia polos gastos ocasionados tras as obras de emerxencia acometidas neste barrio
Santiago, 24 de abril de 2012.- O deputado Jose Manuel Balseiro Orol ven de rexistrar unha iniciativa parlamentaria na que pregunta á Xunta de Galicia se coñece as razóns polas que o Goberno local de Viveiro non efectúa -tal e como se comprometeu- a reclamación xudicial contra a empresa privada responsable dos danos que se ocasionaron nas vivendas particulares e espazos públicos do barrio vivairense do Celeiriño.
O parlamentario mariñán alerta sobre as consecuencias xurídicas negativas dunhas manobras dilatorias que, protagonizadas polo Goberno bipartito local, incumpren de modo flagrante o acordo aprobado por unanimidade o 28 de setembro de 2009 no Pleno do Concello de Viveiro. Daquela o conxunto da Corporación Municipal acordou pedir ao alcalde que adoptara as accións legais que se estimasen necesarias para obter do causante dos danos as indemnizacións correspondentes.
Balseiro Orol cualificou de “extremadamente preocupante” que o actual Goberno local antepoña os seus intereses persoais aos dos veciños deste barrio que viron danadas as súas vivendas. O deputado popular considera que os edís do equipo de goberno local “renuncian a defender aos seus veciños, como é a súa obriga e, pola contra, actúan como se se tratasen dos representantes legais da empresa privada causante dos estragos, un comportamento como mínimo asombroso e sospeitoso, que terán que explicar”.
OCULTACIÓN
O deputado popular lembrou que nas conversas mantidas por parte dos representantes da Xunta (Instituto Galego de Vivenda e Solo) co alcalde de Viveiro en 2009 chegouse ao acordo de que sería o Concello que reclamase xudicialmente á empresa causante dos danos, e pese a ter transcorrido varios anos desde esa data “non existe constancia de que esa reclamación se teña efectuado, nin teña posibilidades de acometerse, polo que corren o risco de caducar as accións legais pertinentes”.
O Goberno bipartito de Viveiro ademais de omitir a oportuna reclamación tamén intenta agochar o seu erróneo proceder en todo este asunto xa que nega a información que se lle reclama pola Xunta. Ata o momento e pese a que o IGVS solicitou por escrito ao concello de Viveiro información sobre a presentación de dita reclamación xudicial nos meses de outubro, novembro e decembro de 2010 e febreiro de 2011, non obtivo resposta algunha en ningún dos casos. Balseiro quere coñecer se esta acción de ocultación segue a producirse a data de hoxe.
OBTER AS INDEMNIZACIÓNS CORRESPONDENTES
O deputado popular quixo destacar finalmente que dita reclamación xudicial é imprescindible para que o IGVS recupere unha cifra próxima ao millón de euros que o Goberno galego achegou para solucionar de urxencia a situación das familias cuxas vivendas quedaron inhabitables, así como tamén todas as responsabilidades polos trastornos físicos e sicológicos ocasionados a aqueles que viron como perdían os seus fogares. Falamos dunha inxente cantidade de diñeiro público que o deputado popular pide que se cuantifique e á que, por riba, habería que engadir as cantidades asumidas polo propio Concello, en conceptos tan diversos como: reparacións, obras e alugueres. Segundo Balseiro o Goberno bipartito local sabe que os danos causados correspóndelle satisfacelos a dita empresa e non ao conxunto dos galegos ou dos veciños de Viveiro e pese a iso, non ten demostrado a súa intención de recuperar este diñeiro público investido.
Remitido