ASEMBLEA CONSTITUINTE DE ECOGALEGUISTAS
A Asemblea Constituinte dos Ecosocialistas reafirmase na vontade de construír
un novo proxecto amplo do galeguismo e da esquerda nacional
Espazo Ecosocialista nace co obxectivo da
confluencia orgánica da Esquerda renovadora
Onte sábado 26 de maio no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela e coa presenza
de perto de 80 horas constitúese Espazo Ecosocialista.
Atrás quedaron seis meses de traballo desde que o pasado 9 de decembro lanzárase un
manifesto-decálogo para a construción dun proxecto da esquerda nacional ecosocialista e
renovadora, que ten permitido reagrupar a máis de un centenar de persoas da esquerda social
e política que estaban desafectadas pola situación polítrica partidaria da esquerda.
Moitas cousas teñen ocorrido neste tempo, algunha mesmo impensables ao inicio deste
proceso. As mesmas teñen confirmado a nosa intención de constituírnos nun colectivo a favor
da construción dun espazo nacional moderno e cooperativo, pensando unicamente en
Galicia e no Ben Común.
No inicio da Asamblea un grupo de persoas da sociedade e da vida política da esquerda e
do galeguismo dirixiron unhas palabras aos asistentes. Entre os que cabe destacar Pilar
Candocia (Portavoz de Ames Novo ), Henrique Monteagudo (Membro da Real Academia
Galega), Emilio Martinez (Ex – presidente da CGONGDs), Millan Fernandez (Dirixente
estudantil dos MEU e ex-membro da Executiva Nacional de XSG), Manuel Martinez Barreiro
(Editorialista), Xaime Subiela ( promotor da IBC ) e Xoán Bascuas ( Secretario Xeral de +G ).
Enviaron un saudo ao non poder asistir, Fran Alonso, Encarna Otero, Fernmando Acuña e
Teresa Taboas.
Posteriormente os debates centraronse na constitución do novo partido Ecosocialista. Un
partido de ‘novo tipo 2.0’. Un partido coas mínimas estruturas de coordinación, sen
estruturas locais, sen interese por competir senón de colaborar, non para ser un ‘lobby’
de poder senón un motor de novas interpretacións, de novas ideas, de novas solucións.
Un partido aberto, con dirección política aberta aos adherid*s; cun Consello Aberto onde
participen simpatizantes e membros da esquerda social. Un partido con data de
caducidade cando se dean as condicións culturais para os necesarios procesos de
converxencia.
E tamén sobre a construción do novo proxecto do galeguismo político e da esquerda
nacional necesariamente amplo e plural.
Para o novo partido faise necesario para conxugar esta pluralidade necesitase de construcións
imaxinativas e colaborativas, e por iso que desde o principio EcoGaleguistas que esta en contra
de repertir experiencias fracasadas e conflitivas onde conviven na mesma organización
diversas cultural, sexan en modelo frontista ou de partido tradicional, apostou desde o principio
por unha cooperativa política con formato xuridico de federación, que a súa vez cedan
toda a soberanía á cidadanía, nas asembleas locais, nos referendos ou primarias, nas listas
desbloqueadas e na limitación de mandatos,…
Para os Ecosocialistas existen tres espazos político culturais necesarios e imprescindibles, non
sobra ninguén, o espazo do galeguismo progresista, o da esquerda soberanista e da esquerda
nacional renovadora.
Neste último espazo, da esquerda nacional renovadora e onde se inserta Espazo Ecosocialista
e por iso as persoas do grupo ecosocialista estarian dispostos a avanzar xa e en breve a un
proceso de fusión orgánica con outros colectivos e sectores nun partido da esquerda nacional
renovadora, asentado en valores como a xustiza social, a radicalidade democrática e o
ecoloxismo político.
Neste senso a Asemblea aprobou duas resolucións sobre o proceso de confluencia do
galeguismo político e sobre a necesaria converxencia da esquerda renovadora
(axuntanse)
Ademais a asemblea aprobou o documento político. Un documento completo de máis de cen
páxinas que aborda tódolos aspectos necesarios para un progrma de renovación da Galicia do
século XXI e onde durante tres meses teñen participado perto de medio centenar de persoas e
colectivos coas súas aportacións nun esforzo de re-interpretación de ideas e de reinvención
de linguaxes
Durante a asemblea interviron representantes dos partidos da esquerda renovadora e
verde doutras partes do estado. A representante de IniciativaVers (Balears ) por confirmar;
Luis María Salgado, membro da Coordinadora Nacional de Alternatiba-Amaiur e Juntero en
Araba por Bildu; Vicente Monteagudo, da dirección nacional de Iniciativa del Poble
Valencia-Compromis e Jordi Guillot. Senador da Entesa Catalana de progres e
vicepresident de ICV.
A Asamblea Constituínte elixixiu un Consello Político Nacional de 37 persoas, que será
aberto a novas incorporacións, e unha Coordinadora Nacional paritaria composta por un
coordinador/a e 10 vicecoordinadores/as de areas que se encargaran de levar o día a día da
nova organización:
Coordinadora Nacional
Xoan Hermida Gonzalez ( Coordinador – Coportavoz )
María Xesús Bóo Feijóo( Vicecoordinadora – Coportavoz )
Manuel Dios Diz ( Vicecoordinador – Coportavoz )
Xan Duro Fernández ( Vicecoordinador )
Angeles Rodriño Medrano ( Vicecoordinadora )
Xosé Pérez Rei ( Vicecoordinador )
Pepa Faraldo Vallés ( Vicecoordinadora )
Xacobe Abel Fernández García ( Vicecoordinador )
Lucia Vizoso Amado ( Vicecoordinadora )
Manel Cardoso Santiago ( Vicecoordinador )
Silvia Rodríguez Fontán ( Vicecoordinadora )
No acto de clausura contouse coa presenza das delegacións de Mocidades Nacionalistas
Galegas, de Acción Galega, Encontro Irmandiño e Mais Galiza, representadas por Paulo
Carlos López, Xose Antón Pérez Lema, Xose Constenla e Xulia Guntín que apostaron pola
necesaria converxencia política.
————–
RESOLUCIÓN DA ASEMBLEA CONSTITUINTE DE ESPAZO ECOSOCIALISTA
(ECOGALEGUISTAS) SOBRE A NECESIDADE DE AVANZAR NA CONSTRUCIÓN DUN POLO
DA ESQUERDA VERDE E RENOVADORA GALEGA
A Asemblea Constituínte de Espazo Ecosocialista celebrada en Santiago de Compostela o 26 de
maio de 2.012, abordou os aspectos relacionados coa necesidade de avanzar na construción dun
polo da esquerda verde e renovadora galega aprobou a seguinte RESOLUCIÓN:
1. Espazo Ecosocialista reafirmase na idea de continuar o proceso de reagrupamento da
esquerda verde renovadora iniciado o pasado 9 de decembro, conscientes de que a
necesaria renovación e converxencia do galeguismo político e da esquerda nacional pasa
tamén por ter un polo influinte e creativo da esquerda verde e renovadora.
2. Para os mulleres e homes de EcoGaleguistas, o partido non é un fin en si mesmo senón
un instrumento adaptado aos tempos actuais que non requiren de partidos fortemente
estruturados no orgánico nin pechados no ideolóxico senón ferramentas que permitan
cooperar con outros colectivos e persoas interesadas nun cambio social
3. A misión de Espazo Ecosocialista non é pois acadar cotas de poder ou converternos en
prolongacións das institucións senón construír o cambio social desde o galeguismo do
século XXI.
4. Para iso marcámonos tres obxectivos claros:
– Incorporar á axenda política galega as propostas presentes na esquerda
renovadora europea e mundial da sustentabilidade ecolóxica, da radicalidade
democrática, da mundialización cívica e da paz, e da xustiza global. Trátase pois dun
partido de novo formato máis construído desde a sectorialización de ideas que desde a
vertebración territorial. A transversalidade de ditas propostas so será posible se existe
un polo renovador claramente identificado e influínte.
– Reconstruír as pontes de confianza entre a esquerda política e a social en base
ao acompañamento democrático das mobiliciacións cidadás e non a súa
instrumentalización. A fortaleza do noso proxecto non esta na súa imaxe corporativa
senón na busca de ideas e propostas anovadoras e resolutivas dos problemas que ten
a xente.
– Favorecer políticas de converxencia entre a esquerda nacional e o galeguismo
político baixo un modelo cooperativo, facendo avanzar a cultura nacional e cívica da
mesma. Espazo Ecosocialista non nace, pois, para presentarse en solitario as
eleccións senón para construír alianzas electorais estables. Tampouco queremos crear
espazos competitivos en base a dinámicas hexemónicas de maiorías e minorías.
5. Espazo Ecosocialista non se considera depositaria de ningunha verdade absoluta e
non pretende ter a patente de ningún espazo. A esquerda verde e renovadora está
por construír en base a un proceso que debe ter como piares o reagrupamento das
persoas e colectivos que poidan estar interesados nesa perspectiva e por outra seguir
desenvolvendo un proceso de osmose incorporando as ideas de colectivos e
representantes cidadás que permitan construír un corpo cultural de ideas para a esquerda
do noso tempo.
6. A asemblea constituínte de Espazo Ecosocialista mandata á súa Coordinadora Nacional
para levar adiante os diálogos e os acordos necesarios, consultados co conxunto dos
seus membros, para avanzar na confluencia orgánica que permita construír un
partido nacional plural da esquerda renovadora, sustentando os seus piares na
sustentabilidade ecolóxica e na radicalidade democrática.
7. En todo caso a construción desta nova ferramenta estará sempre condicionada á misión e
obxectivos antes mencionados, polo que estará atento a procesos de converxencia
orgánica e de sínteses cultural de ideas que permitan avanzar as nosas propostas entre a
sociedade civil e nas axendas políticas.
——————-
RESOLUCIÓN DA ASEMBLEA CONSTITUÍNTE DE ESPAZO ECOSOCIALISTA
(ECOGALEGUISTAS) SOBRE A NECESIDADE DE AVANZAR NA CONVERXENCIA
DA ESQUERDA NACIONAL E DO GALEGUISMO POLÍTICO
A Asemblea Constituínte de Espazo Ecosocialista celebrada en Santiago de
Compostela o 26 de maio de 2.012, abordou os aspectos relacionados coa necesidade
de avanzar na converxencia da esquerda nacional e do galeguismo político e aprobou
a seguinte RESOLUCIÓN:
1. Ratificar como liñas estratéxicas a formular cara a construción dun novo
referente político e electoral da esquerda nacional e do galeguismo político os
contidos do noso documento ‘construír un espazo cooperativo e plural’
presentado o pasado 10 de marzo, sobre todo o referido a superar modelos e
políticas fracasadas e abordar de xeito creativo e con visión cooperativa no
político e de síntese no campo das ideas este proceso ilusiónante pero á vez
complexo.
2. Entender que máis aló das crises dos actuais partidos existentes na esquerda,
asistimos a un proceso de crise profunda da esquerda galega en particular e da
global en xeral, froito de que estamos a entrar nunha nova etapa con novas
contradicións e novos suxeitos sociais que demandan novas políticas,
necesariamente radicais no político pero non dogmáticas no ideolóxico.
3. Froito da envergadura desa crise faise necesario separar o proceso electoral,
marcado pola urxencia da convocatoria das eleccións autonómicas, dun
proceso máis sereno, reflexivo e profundo que permita construír un
proxecto unitario de carácter estratéxico de cambio para o noso país nun
marco globalizado.
4. Espazo Ecosocialista empraza a tódolos colectivos e organizacións que poidan
estar interesadas en construír unha nova forza común de progreso e galeguista
para impulsar conxuntamente un proceso desde a cidadanía para que se poida
vertebrar, nun tempo necesario, unha forza plural e alternativa que acolla os
tres segmentos culturais referenciais para a mesma: o centro-esquerda
progresista, o altermundismo soberanista e a esquerda ecosocialista e
renovadora.
5. Espazo Ecosocialista valora positivamente o avance na mesa de dialogo entre
AGA, EI, +G e EcoGaleguistas para constituír un novo proxecto situado no
“galeguismo político e no soberanismo cívico, no progresismo inclusivo
e na esquerda renovadora, no ecoloxismo político e na radicalidade
democrática”.
6. A vontade facilitadora e unitaria de Espazo Ecosocialista quedou acreditada
na mesa de dialogo de +G, AGA, EI e EcoGaleguistas do pasado 15 de maio
en Compostela cando a proposta nosa de reiniciar o proceso asembleario
baixo tres criterios mínimos – impulso multilateral, apertura a toda a sociedade
e convocatorias de base locais (non comarcais), ademais de limitar
temporalmente o proxecto diante da convocatoria electoral- foi aceptada por
tod*s.
7. Non obstante e dado que os ritmos, a metodoloxía e os procesos plantexados
por EI son diferentes, soamente fomos quen de asinar un acordo político e
programático entre AGA, +G e EcoGaleguistas froito do traballo no
obradoiro de ideas conxunto que se sometera a debate público e cidadán
nunha campaña baixo o lema “CompromisoxGalicia”.
8. Espazo Ecosocialista entende como moi importante na súa función de
estimulador de novas ideas que o borrador programático que nos próximos
días se presente por Galicia teña unha compoñente moi importante nas nosas
elaboracións.
9. A Asemblea Constituínte de Espazo Ecosocialista mandata á súa Coordinadora
Nacional para abordar os aspectos operativos e técnicos derivados do
impulso ao acordo con +G e AGA. Entre eles e co fin de abordar de forma
eficaz ditos aspectos acorda promover a todolos niveis (nacional, comarcal
e locais) órganos conxuntos entre AGA, +G e EcoGaleguistas que exerzan
como comités políticos do acordo común.
10. Co fin de facer efectivo o punto anterior abordarase de inmediato unha
dirección conxunta operativa, utilizando como estrutura básica os órganos
de dirección de Máis Galiza ampliados con membros de AGA e
EcoGaleguistas, que coordinaran o plano de traballo electoral, a
eleboración programática, determinación da marca común e o sistema de
elección de candidat*s..
11. Espazo Ecosocialista considera necesario impulsar un proceso de base nas
localidades desde o que se organice territorialmente de maneira unificada
a nova formación. Ao tempo, é necesario impulsar un sistema de
comunicación participativo que empregue as TICs para incorporar á base social
no proceso de elaboración de ideas e, incluso,de toma de decisións en casos
determinados.
12. En todo caso Espazo Ecosocialista vaia seguir traballando para que existan
vasos comunicantes entre os dous procesos iniciados e que a evolución
dos mesmos non cree distancias que impidan a posterior converxencia, á
vez que lamenta que o proceso se estea bipolarizando e desbordando polos
extremos namentres que non aparece un elemento central forte que impida as
lóxicas tendencias centrifugas.