RAQUEL ARIAS DESTACA “O EMPUXE DA MARIÑA NO DESENVOLVEMENTO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS” PARA MELLORAR A COMPETITIVADE DO SECTOR EMPRESARIAL
A delegada territorial participou hoxe nunha demostración do novo servizo de xeolocalización para móbiles posto en marcha no polígono industrial de Barreiros, co apoio da Consellería de Economía e Industria
Arias lembrou que volve a estar aberta a convocatoria de subvencións aos concellos para a mellora de parques empresariais, impulsada polo mesmo departamento autonómico
Barreiros, 11 de maio de 2012.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe o polígono empresarial de Barreiros, onde tivo oportunidade de comprobar o funcionamento das novas aplicacións informáticas, incluído o servizo de xeolocalización a través de teléfonos móbiles, subvencionadas pola Consellería de Economía e Industria.
Este proxecto, proposto polo concello de Barreiros e subvencionado pola Xunta con 13.830 euros, consiste no desenvolvemento dun portal web con compoñente xeográfica e visualización de datos a través de dispositivos móbiles.
Por unha banda, ofrece unha páxina web con toda a información sobre as empresas do polígono, e por outra inclúe unha aplicación para teléfonos móbiles de última xeración, con tecnoloxía de realidade aumentada con software layar, que permite o acceso ao servizo de xeolocalización, co que se facilita o acceso á ubicación das empresas, das que poden observarse imaxes en tres dimensións e información relativa á súa actividade.
Arias apuntou que no pasado exercicio foron subvencionadas en Lugo outras dúas iniciativas ao abeiro da convocatoria de axudas aos concellos para a mellora de parques empresariais, a primeira consistente nunha aplicación informática similar á de Barreiros para o polígono de Foz –con igual investimento subvencionado pola Xunta-, e a segunda na pavimentación do parque empresarial de Begonte.
O investimento global na provincia superou os 55.600 euros, e en todos os casos a porcentaxe da subvención foi do 80% do orzamento previsto.
Raquel Arias mantivo unha xuntanza con responsables municipais, encabezados polo alcalde barreirense, Alfonso Fuente, e con empresarios á que asistiron tamén técnicos do Igape para dar conta desta e doutras liñas de axuda ás empresas postas en marcha pola Xunta. Así, a delegada lembrou que está aberto o prazo para que os concellos presenten de novo as súas solicitudes para a mellora dos parques empresariais.