Seguen a darse pasos no camiño do desbloqueo e despegamento da industria acuícola en Galicia.
A Consellería do Medio Rural e do Mar somete a exposición pública a orde para a creación do Comité Técnico de Acuicultura
Este órgano de consulta e asesoramento estará formado por expertos do sector acuícola que elaborarán dictames e protocolos de seguimento e avaliación nos eidos medioambiental, sanitario, económico e social
Santiago, 9 de maio de 2012.- En resposta a unha pregunta de Jose Manuel Balseiro Orol a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, confirmou que o seu departamento elaborou xa a orde pola que se crea o Comité Técnico de Acuicultura e nestes momentos atópase a exposición pública para a realización de achegas ou alegacións. Tal e como sinalou a conselleira, Rosa Quintana, no pleno Parlamento, o comité “será un órgano colexiado de consulta e asesoramento que asesorará á Administración no deseño e aplicación de medidas vinculadas ao sector da acuicultura”.
Segundo explicou a conselleira, o Comité estará formado por 15 membros, entre os que se atoparán representantes da Consellería, expertos de recoñecido prestixio e experiencia procedentes do sector acuícola, das Universidades galegas e de organismos científicos relacionados coa acuicultura.
As súas funcións comprenderán a elaboración de ditames e de protocolos de seguimento e avaliación nos eidos medioambiental, sanitario, económico e social e será convocado, como mínimo, dúas veces ao ano. Así, por exemplo, o Comité realizará un informe anual sobre a situación e expectativas da acuicultura galega con propostas, medidas e recomendacións. “Tamén se encargará dos informes previos a autorización de novos establecementos de acuicultura, ampliación, prórroga e renovación dos existentes, tanto de carácter permanente como experimental”, apuntou.
O establecemento deste órgano vén impulsado pola Estratexia Galega de Acuicultura (ESGA), logo de comprobar a utilidade doutros órganos similares de consulta en iniciativas como esta. Cabe destacar que o Comité Científico Galego de Pesca realiza unicamente funcións de asesoramento para a pesca, sen ter en conta as especiais características e necesidades da acuicultura.
Na súa aposta por impulsar esta actividade, a titular de Mar lembrou que xa se realizaron diversas accións como a declaración da acuicultura coma de interese público de primeira orde ou a aprobación inicial do Plan Director de Acuicultura Litoral. De cara ao futuro, a Consellería reformulará a planificación para ampliar e recuperar as zonas de marisqueo non produtivas e faralle chegar ao sector en breve o novo Decreto de ordenación dos parques de cultivo. Por último, lembrou que axiña “comezará a andar” o novo Consello Galego de Pesca.