Augas de Galicia está rematando a supervisión dos proxectos para a mellora de saneamento e abastecemento neste municipio, proceso previo á súa pronta licitación
A Xunta sinala que está a aplicar o mesmo criterio en Barreiros que noutros concellos á hora de cooperar para a dotación de infraestruturas
· A secretaria xeral de Ordenación do Territorio explica que no convenio de Barreiros, o concello asume o 51% do investimento, cantidade que é aportada polos promotores
· resto do investimento corre por conta do Goberno galego e a Deputación de Lugo
· A execución dos proxectos sectoriais de abastecemento, saneamento e rede viaria permitirá a consolidación das infraestruturas e servizos do solo urbano necesarios para a mellora da calidade de vida dos habitantes deste concello lucense
· Estas accións de melloras hidráulicas proxectaranse sobre núcleos como San Cosme, San Pedro, San Miguel ou Reinante
Santiago, 31 de maio de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a aplicar en Barreiros o mesmo criterio que en outros concellos da provincia de Lugo e de Galicia, no ámbito da cooperación para a dotación de infraestruturas. Así o manifestou hoxe a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, na súa intervención na Comisión 2º de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, onde precisou que no caso do convenio de Barreiros, o concello asume o 51% do investimento, que é aportado polos promotores, e o resto corre por conta da Xunta e a Deputación de Lugo.
Rivas explicou que hai múltiples exemplos de actuacións semellantes nas que a Xunta de Galicia colabora cos concellos na adecuación de servizos propiamente municipais. Cómpre salientar que na maioría dos casos deste tipo de convenios, o Goberno galego asume ata o 100% do investimento, ou como no caso das obras hidráulicas de Pontevedra e Marín un 70 e un 80%, respectivamente do investimento.
No que se refire ao caso de Barreiros, trátase dun proxecto sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de abastecemento dos núcleos de San Cosme, San Pedro, San Miguel e Reinante, cuxo orzamento de licitación ascende a 6 millóns de euros. Para as mesmas localidades o Goberno galego tamén contempla un proxecto sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, cuxo importe é de 4,6 millóns de euros.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sinalou que na actualidade Augas de Galicia, que de acordo co convenio asinado será quen contratará e dirixirá a execución das obras, está a finalizar o proceso de supervisión técnica dos proxectos, previa á súa licitación.
Estas actuacións están enmarcadas nun convenio de colaboración entre da Xunta de Galicia, Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros. Cabe citar que ditos proxectos sectoriais foron aprobados definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia de data 8 de marzo de 2012.
A execución destes proxectos sectoriais de abastecemento de auga, saneamento e rede viaria permitirá a consolidación das infraestruturas e servizos do solo urbano necesarios para a mellora da calidade de vida dos habitantes deste concello lucense.
O Goberno galego seguirá a colaborar cos concellos na resolución das súas necesidades e problemas máis urxentes, sempre dentro da legalidade e do respecto á normativa que en cada momento sexa de aplicación.
Núcleos tradicionais
Noutra intervención relacionada cos núcleos costeiros tradicionais, a secretaria xeral defendeu a preexistencia de núcleos de poboación próximos á costa anteriores á entrada en vigor da Lei de Costas.
Neste sentido, explicou que o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xa ten trasladado á Secretaría de Estado de Medio Ambiente, o interese da Xunta de Galicia en participar activamente nos traballos de modificación do actual marco normativo en materia de costas, e incidiu na perspectiva da realidade costeira galega.
Lembrou as demandas históricas neste sentido, que en Galicia teñen unha transcendencia e unha repercusión social de primeira magnitude, instando ao axuste da realidade normativa á realidade territorial da Comunidade, no relativo á ocupación tradicional de zonas costeiras.