Alumnos do IES Marqués de Sargadelos visitaron a potabilizadora da Senra
-Os estudantes percorreron as instalacións da planta e coñeceron o proceso de tratamento da auga
-Técnicos de Augas de Galicia e da empresa concesionaria do servizo guiaron a visita
Cervo, 31 de maio de 2012-Arrincan as visitas á Estación de Tratamento de Auga Potable situada na Senra, organizadas polo Concello co obxectivo de amosar o seu funcionamento á veciñanza. Os primeiros en percorrer as súas instalacións e en coñecer o proceso de potabilización foron uns 15 alumnos do ciclo superior de química industrial do IES Marqués de Sargadelos, que se achegaron esta mañá ata a ETAP acompañados de profesorado do centro.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, tamén participaron no acto. Técnicos de Augas de Galicia e persoal de Espina y Delfín, a empresa concesionaria, foron os encargados de guiar aos visitantes polo equipamento e de explicar as distintas etapas dende que a auga entre na estación de tratamento ata que é apta para o consumo.
“Dende o goberno local estamos moi satisfeitos de que sexan alumnos e alumnas do instituto os que inicien esta rolda de visitas á potabilizadora” asegura o alcalde, Alfonso Villares. “Coñecer de preto o funcionamento dun equipamento coma este e descubrir un proceso descoñecido é toda unha experiencia que incluso pode resultar útil para uns alumnos de química industrial como os que hoxe visitaron a planta” engade o rexedor.
Esta é a primeira das visitas programadas pola Delegación de Medio Ambiente á potabilizadora, aínda que nelas pode participar toda a veciñanza de Cervo. De feito, as persoas que desexen entrar na ETAP e coñecer o proceso de potabilización poden apuntarse na Casa do Concello ou na Casa da Cultura de San Ciprián. Unha vez coñecida a demanda, a administración local planificará as distintas quendas e fixará as datas das seguintes visitas. Polo momento xa está previsto que varios grupos de alumnos do instituto cervense se acheguen ata a planta o curso que vén.