CANTANDO NO I.E.S. DE FOZ
A música, que é a arte de combinar os sons co fin de expresar emocións e sentimentos, ten as orixes na Natureza, pois ó principio era o ruído do vento silvando entre as canas de bambú. Despois, cando o home conquistou o fogo, aprendeo a avivalo soprando por unha cana oca. Tal vez a primeira frauta do mundo naceo así, por casualidade. O home prehistórico utilizaba tamén o corpo como instrumento musical, marcaba o ritmo golpeando o chan cos pés, batía palmas, sacudía colares e pulseras de ósos, de sementes e de cunchas, rodeándose de música para falar cos seus deuses, como aínda o fan, por exemplo, os indios xingú da selva amazónica.
Hoxe aceptase que a música naceo como canto; é decir, o descobremento musical da voz humana, expresión artística tan perfecta que permañeceo por longos séculos afastada de combinacións polifónicas e ata do acompañamento de outros instrumentos.
En Grecia elevouse á dignidade de Arte libre e ocupou lugar destacado na educación do espíritu, e os grandes filósofos e matemáticos dedicáronse á música como expoñente da vida humana.
A aparición de grandes xenios que durante séculos sublimaron a Arte musical; o labor de estudosos e o desarrollo tecnolóxico, propiciaron a dimensión que hoxe ten a música, que desbordou o seu mais sólido valor, o cultural, para incidir con vigor nas diversas facetas da humanidade: a economía, a política; en definitiva, en tódolos aspectos da sociedade.
O pasado mércores produciuse en Foz un feito gozoso: a presentación do coro do Instituto constitue un fito no panorama cultural do pobo, porque ás consideracións apuntadas, hai que engadir o que ten de singular, e mesmo de insólito, pois non coñecemos a existencia dun colectivo similar nalgún centro homólogo.
¿E qué ten que suceder para que tal aconteza? En principio que exista a persoa cos coñecementos precisos para levalo a bó porto, pero non exenta dun fondo amor á música, o desexo decidido de espallar nos demais ese mesmo aprecio e dende logo disposta a aceptar os traballos, renuncias e sacrificios que tal empresa implica. E naturalmente atopar no seu entorno o clima de camaradería, colaboración e de complicidade sen os que nada sería posible.
O cronista non pode eludir a pincelada histórica, e lembrar que na súa adolescencia (hai arredor de 60 anos), Foz contou cun magnífico coro estudiantil. O histórico Hermano Próspero, profesor do hoxe Colexio M. Otero, e Sor Constanza, do Colexio do Pilar, artellaran un coro mixto, aínda que daquela nos centros non se mesturaban os sexos. O coro chegou a cantar a misa de Perosi na catedral de Santiago, o que significaba todo un recoñecemento á calidade artística do mesmo.
¿Qué pasou para que dende aquela non volvera a agromar unha iniciativa semellante? Moi sinxelo: que Fernando Allén, o seu director, profesor no IES, tardou mais de cincoenta anos en aparecer pola nosa vila.
Nós rexistramos con ledicia nova tan positiva e mesmo ilusionante para unha sociedade coa sensibilidade precisa para apreciar os valores que transcenden o puramente material e que teñen moito que ver na formación integral das persoas.
Suso Fernández