IDEOLOXÍA OU CABRÓNS?
Dunha vez por todas hai que diferenciar o que é ideoloxía do que é ser un cabrón, para non confundirse, para non ser un cabrón crendo que non o es e así quedar tranquilo, ir a misa o domingo e festas de gardar facerlle a comuñón o pequeno e votar cando che manden.
As cousas claras e o chocolate espeso: Pensar que todas as persoas sen distinción de raza, sexo ou relixión somos iguais non é ideoloxía. Pensar que todas as persoas teñen os mesmos dereitos non é ideoloxía. Pensar que os homosexuais poden formalizar a súa situación, casar, vivir xuntos, non é ideoloxía, chámese ou non matrimonio. Pensar que todos somos iguais ante a lei a pesar do teu diñeiro ou cor de pel non é ideoloxía. Non é ideoloxía, pensar o contrario é odio.
E algún dirá, pero é que eu… Pero é que o teu nada, e punto. Que non é algo que se me ocorreu a min agora, así, de súpeto. Parece moi radical o exposto no parágrafo anterior? Non, todo o anterior recólleo a declaración universal de dereitos humanos. Si, onde pon “Os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos” non é un chiste, non son palabras baleiras, non está escrito aí para quede ben e despois non facerlle ningún caso. Non foi escrito por “roxosocialistascomunistasxudeomasones”. Se a túa ideoloxía non é esa, se a ideoloxía do goberno ao que votas non é esa, es un cabrón, non te escudes en nada.
Non respectas á xente e punto. Non era ideoloxía os que pensaban que os escravos tamén eran persoas, por moi tachados de radicais que fosen na súa época. Dentro de mil anos mirarannos con asombro e desprezo como nós miramos esas inefables fotos en branco e negro. Os homófobos de agora son os escravistas de outrora.
Tamén o di a constitución, aínda que o día que queiramos podémola cambiar para que non contradiga as nosas consignas. Di tamén que todos temos dereito a ser educados e curados en caso de enfermidade ou accidente. Todo o que sexa estar en contra diso, non é ideoloxía, é ir contra a xente. E hai moita xente en contra da xente.
En cambio, si é ideoloxía querer colectivizar os medios de produción, subir ou baixar os impostos, dar máis ou menos axudas, apoiar a propiedade privada dos grandes e moi grandes, crear un estados centralizado ou federal, etc. etc. etc. Imos, para que se nota a diferenza e non se confunda a xente.
Si é ideoloxía cambiar materias e coidadosamente obviar o rexeitamento á homofobia ou ás desigualdades. Quitádevos xa a careta dunha puñetera vez.
Alfonso Otero Regal