ANTONIO VEIGA AFIRMA QUE “O QUE O PP RECORTA EN EDUCACIÓN DANLLO Á BANCA”
O responsábel comarcal do BNG apoiou a mobilización convocada en Foz pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
Veiga afirmou que “os recortes do PP en educación van provocar que moitos rapaces queden sen a oportunidade de acceder a estudos superiores”
Foz, 8 de maio de 2012. Antonio Veiga, responsábel comarcal do BNG da Mariña, participou esta tarde na mobilización convocada na Praza de Galiza de Foz pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que se desenvolveu tamén simultaneamente noutras 12 cidades e vilas de Galiza. Segundo afirmou Veiga, “a comunidade educativa galega, desde os propios estudantes até os pais e nais, pasando polo profesorado, estase a mobilizar fronte aos abusivos recortes do PP na Xunta e no Estado, e o que dá absoluta pena e resulta inconcibíbel é que o PP recorte en Educación o mesmo que lle vai dar á banca, para “salvar” Bankia”.
Veiga foi contundente ao afirmar que “diante desta situación convulsa no ensino galego provocada polo PP que estamos a vivir, a xente organizou como resposta social ten estas mobilizacións en todo o país, xa que o goberno do PP veu aplicando sucesivos recortes ao ensino público e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos do ano 2009, o que provocou a perda de máis de 2000 docentes, eliminou a gratuidade dos libros de texto e non cobre as baixas do profesorado inferiores a quince días. Gastáronse millóns de euros en tirar con libros por estaren en galego e en facer propaganda da eliminación da gratuidade dos libros, mentres se mantiñan e se incrementaban as axudas aos centros privados concertados, mesmo cando segregan o alumnado por sexo. As medidas que se propoñen buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar”.
Antonio Veiga lembrou que ademais das mobilizacións de hoxe, Galiza Nova tamén ten convocada, neste sentido, unha folga estudantil para o vindeiro xoves, porque “o mesmo está acontecer no ensino superior, cunha suba das taxas que é unha agresión directa contra a universidade pública e o estudantado, que a partir de agora pode chegar a pagar até un 66% máis pola súa matrícula universitaria, 1500 euros na primeira convocatoria. A partir da 4ª convocatoria pagarase o 200%, o que significa que a matrícula custará máis de 6000 euros. Se a isto lle engadimos a brutal redución de bolsas de estudo, a política en materia educativa do PP vai condenar a milleiros de lucenses e galegos a ficar sen a posibilidade de realizar estudos superiores”.
Segundo denuncia a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, asmedidas que se propoñen buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.
Os recortes propostos, de levárense a cabo, suporán:
-Incrementar as ratios a 30 alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. Esta medida provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizado do alumnado e atender as necesidades educativas específicas, e suporá menor calidade do ensino e maior fracaso escolar.
-Impor unha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria. Isto traducirase, entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista, completar horario noutros centros, incrementando as itinerancias, e dificultará a realización doutras funcións necesarias para o funcionamento do centro e para a mellora da calidade do ensino.
-Non substituír o profesorado de baixa. Será un prexuízo para o centro e para o alumnado que as baixas non se cubran até que pasen catorce días (dez días lectivos). Os centros verán alterado o seu plan de traballo cada vez que se produza unha baixa e o alumnado terá que ser atendido por profesorado de diferentes especialidades á do substituído/a, conculcando o dereito á educación do propio alumnado.
-Eliminar o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato. Isto ten graves consecuencias na formación do alumando que deberá desprazarse cando non conte na súa localidade coa modalidade de bacharelato que quere cursar. Esta medida afasta os servizos dos ámbitos non urbanos, detraendo aínda máis poboación ao rural, e reduce o acceso ao ensino superior, pois non todo o alumnado estará en condicións de custearse os desprazamentos, o que incrementará o abandono escolar e dificultará que cursen os estudos desexados.
-Adiar a implantación de ciclos de formación profesional. O atraso da posta en marcha destes ciclos prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas.
-Incrementar as taxas universitarias. Trátase dunha suba desorbitada, que pode superar o 50% e que se fixará en función do custo das titulacións. Isto achegará o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social.