O Concello de Burela pagará por débedas a provedores 231 mil euros anuais ata 2022
BURELA SOLICITARÁ A VINDEIRA SEMANA AUTORIZACIÓN PARA FORMALIZAR O PRÉSTAMO CO QUE EFECTUARÁ O PAGO A PROVEDORES. CANDO COMECE A AMORTIZAR CAPITAL O CONCELLO PAGARÁ 231.000 EUROS ANUAIS ATA O 2022. O REXEDOR CULPA DESTA SITUACIÓN AO BIPARTITO AO QUE ACUSA DE DESPILFARRAR MOITO DURANTE A SÚA ETAPA NO CONCELLO.
Burela, 3 de maio de 2012. O equipo de goberno burelés tén xa deseñada a folla de ruta para a finalización do procedemento do pago a provedores de facturas rexistradas no Concello con anterioridade ao 31 de decembro pasado. Así o manifestou o alcalde, José María González Barcia, que compareceu hoxe en rolda de prensa acompañado de boa parte do seu grupo municipal.
Segundo o rexedor burelés, “a relación de facturas presentada no seu día ante o ministerio de Hacienda, antes do quince de marzo, ascende a un total de 1.323.000 euros. Posteriormente, presentouse o plan de axuste, antes do trinta e un de marzo. Pois ben, tendo en conta que hasta o día oito do presente mes pode haber variacións na relación de facturas, que en todo caso serán prácticamente insignificantes, e tendo en conta que o día quince remata o prazo para solicitar autorización para a formalización do préstamo para abonar esas facturas, celebrarase un pleno extraordinario, seguramente que o día once, para adoptar tal acordo”.
Para González Barcia, “esta solución serve para abonar todas as facturas rexistradas no Concello antes do día 31 de decembro e 2011. Deste xeito, os provedores cobrarán o que se lles debe e poderán manter emprego. Pero esta solución traerá consecuencias: en primeiro lugar, este préstamo hai que devolvelo, coma todos, e temos de prazo hasta o ano 2022; en segundo lugar, este mesmo ano xa temos que abonar 33.000 euros, e cando se comece realmente a amortizar capital teremos que abonar do orden de corenta millóns das antigas pesetas anuais, 231.000 euros, hasta o 2022. Polo tanto, é fácil deducir que os cartos teñen que saír de algún lado”.
O alcalde indicou que “no ano 2010 recadáronse 1.144.000 euros menos do que se presupostou, pero gastouse (e eso que se incluía o célebre Plan E); en 2011, recadáronse 788.000 euros menos do que se presupostou (os 800.000 euros que nós dixemos que tiñan de máis os presupostos que nunca se ingresaron, a pesares de contar con un millón de euros do plan extraordinario da Deputación), pero que se gastaron. Aí está a raíz do problema, que se gastou o que non se tiña, e ninguén, na súa casa, gasta máis do que ten”.
José Mª González Barcia engadiu que “por ese desastre económico que ten como responsables aos membros do bipartito, especialmente ao anterior alcalde e á anterior tenente de alcalde, agora temos que apretarnos o cinto. Quero lembrar que dentro da relación de facturas só cen mil euros, facturas de Espina y Delfín, son da época anterior de goberno do PP. Prácticamente todo o demais, máis de un millón de euros, é herdanza do bipartito”.
O alcalde dixo que “este ano tamén prevemos unha baixada nos ingresos de 250.000 euros, polo que non nos queda máis remedio que facer os axustes que fixemos e que recoñezo que nin nos gustan a nós nin lle gustan á cidadanía”.
González Barcia finalmente manifestou que “a pesares de todo, Burela ten un futuro esperanzador, porque cando rematemos de pagar o crédito da débeda do antigo Concello de Cervo, que nos pesa coma unha lousa, respiraremos e poderemos afrontar o futuro con máis seguridade e en mellores condicións. En definitiva, trátase de facer agora as cousas con seriedade e rigor, para abordar o futuro con garantías”.