O Concello repartiu preto de 4.000 euros de apoio ás actividades que desenvolven as ANPAS nos centros educativos
-Cada ANPA recibiu 1.250 euros cos que poderán sufragar gastos derivados de actividades culturais, recreativas ou educativas
-O acto de entrega tivo lugar esta tarde na Casa do Concello coa presenza do alcalde e a edil de Educación así como os representantes das tres asociacións
Cervo, 2 de maio de 2012-O goberno cervense fixo entrega esta tarde dos cheques correspondentes ás axudas ás entidades educativas que outorga o Concello. Trátase dunha subvención municipal dirixida ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos dos centros de ensinanza do concello que ten o obxectivo de apoiar economicamente a estas entidades e colaborar con elas no financiamento de actividades dirixidas ao alumnado ou en beneficio de toda a colectividade escolar.
O alcalde, Alfonso Villares e a edil de Educación, Yolanda Pedreira, foron os encargados de entregar os cheques aos representantes das ANPAS do CEIP Cervo, o CEIP Cervo nº1 e o IES Marqués de Sargadelos, as tres entidades beneficiarias. Cada unha delas recibiu o importe de 1.250 euros, que servirá de axuda para o pagamento de gastos relacionados con actividades educativas, culturais, recreativas ou de mantemento e conservación do centro.
“Dende o goberno local tratamos de potenciar a colaboración entre o Concello e as ANPAS, que fan un papel moi relevante nos centros dedicando moitos esforzos á dinamización da educación” asegura a edil de Educación, Yolanda Pedreira. “A nosa intención é seguir mantendo esta subvención ás ANPAS, que contribúen a facilitar o labor destas entidades” explica o rexedor, “mesmo obxectivo que temos fixado para outras axudas achegadas con fondos municipais como as subvencións ao transporte ou aos centros educativos”, remata Villares.
Remitido