A CONCELLARÍA DE MOCIDADE PORÁ EN MARCHA O CAFÉ DE IDIOMAS NA CASA DA XUVENTUDE. TRÁTASE DUNHA MANEIRA INFORMAL E DIVERTIDA DE PRACTICAR IDIOMAS.
Ribadeo, 11 de xuño de 2012. A Concellaría de Mocidade porá en marcha ao longo das vindeiras semana o Café de Idiomas na Casa da Xuventude. Trátase dunha maneira informal e divertida de practicar e mellorar algúns idiomas.
O edil Xavier Campos explicou que “é unha proposta para facer unha práctica de calquera idioma que se imparte na EOI de Ribadeo dun xeito colectivo e diferente. Na Casa da Xuventude poñemos a disposición dos participantes os nosos espazos e convidamos a que os grupos de persoas que estean interesados en practicar inglés, francés, alemán e galego o poidan facelo nun ambiente relaxado e cómodo e acompañados dun café ou dun té, nun espazo acolledor como é a sala Sonda Norte da Casa da Xuventude”.
Na presentación que tivo lugar esta mañá o concelleiro de Mocidade dixo que “esta iniciativa poñerémola en marcha ao longo das vindeiras semanas e convidamos a todas aquelas persoas interesadas en participar a que chamen á Casa da Xuventude ao 982 129 889 e que se anoten nos grupos que se vaian conformando con cada un dos idiomas. É unha proposta autoxestionada, cada grupo decidirá a qué hora queda cada semana, a Casa da Xuventude non pon ningún tipo de profesor nin obriga a asistencia senón que son as propias persoas interesadas en quedar para practicar e para falar as que deciden en qué momento desenvolven esta actividade. O único requisito é estar anotados previamente para poder facer o calendario que permita a posta en marcha deste Café de Idiomas”.
Campos pensa que “é unha iniciativa interesante, diferente e que é posible grazas á colaboración da Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo á que lle estamos moi agradecidos. Queremos animar a todas as persoas de Ribadeo e da zona a que practiquen os diferentes idiomas que se imparte na EOI na Casa da Xuventude”.