A XUNTA SUBVENCIONA A CONTRATACIÓN DE PRETO DE 100 SOCORRISTAS PARA VELAR POLA SEGURIDADE DOS USUARIOS EN PRAIAS E PISCINAS DA PROVINCIA
A delegada territorial, Raquel Arias, informou de que se investirá nesta materia preto de 338.000 euros, correspondendo o 75% aos concellos da Mariña
Incidiu na “achega fundamental” que realiza a Consellería de Traballo e Benestar a través dos programas de cooperación “para que os municipios poidan manter servizos indispensables como este”
Con respecto ao 2011 increméntase nun 15% o número de efectivos que se subvencionan na provincia, xa que A Mariña mantense en cifras similares pero téñense en conta as necesidades de concellos do interior para atender as piscinas
Lugo, 27 de xuño de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar subvencionará este ano a contratación de 109 socorristas para vixiar as praias e piscinas da provincia, o que supón un investimento de 337.906 euros. Así o comunicou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quen incidiu en que o 75% do investimento corresponde aos concellos da Mariña.
Arias informou de que a Consellería de Traballo e Benestar ven de notificar aos concellos as subvencións para as contratacións dos socorristas, ao abeiro dos Programas de Cooperación. Ao respecto, subliñou a “achega fundamental” que a Xunta realiza a través destes programas “para que os municipios poidan manter servizos indispensables como este ou como os grupos municipais de intervención rápida, entre outros”. Así mesmo, estas contratacións poden complementarse por parte dos distintos entes coa incorporación de profesionais deste ámbito a través doutras vías.
Con respecto ao pasado exercicio increméntase nun 15% o número de socorristas que se subvencionan na provincia, xa que A Mariña mantense en cifras similares pero téñense en conta as necesidades doutros concellos do interior para atender as piscinas.
Así, os areais mariñaos terán en total 85 socorristas subvencionados pola Xunta de Galicia durante dous meses, o que significa un custo de 255.755 euros. Outros concellos que contarán con socorristas sufragados pola Consellería de Traballo e Benestar serán os de Antas de Ulla, Cospeito, Lugo, Meira, Monterroso, As Nogais, Outeiro de Rei, Paradela, O Saviñao, Sober e Taboada.
A delegada territorial destacou a importancia de “axudar aos concellos a soster os servizos básicos nun momento no que as administracións deben ordenar os gastos e priorizar aqueles investimentos de maior rendibilidade social”.