A Deputación arranca o proxecto pioneiro en España para a xeración de enerxía eléctrica coas traídas da auga
– O Pleno aprobou a ecomenda de xestión dos 28 municipios adheridos a esta iniciativa para que a institución provincial asuma a totalidade dos seus custes, facendo que sexa gratuíta para os Concellos
– O Deputado mariñano, José Ramón Val Alonso, acusa ó PP de “antepoñer os intereses do partido” por votar en contra de que a Xunta atenda ós veciños de Magazos á hora de definir o trazado da VAC
– A institución insta ós Gobernos do PP a dotar a Lugo de tren híbrido, a cumprir co Pacto do Obradoiro e a manter na rede transeuropea a Monforte malia a negativa do Partido Popular
A Deputación arranca o pioneiro proxecto en España para a xeración de enerxía mediante o aproveitamento das traídas de auga co obxectivo de aforrar nas facturas eléctricas dos Concellos. O Pleno aprobou este martes a encomenda de xestión dos 28 municipios adheridos a esta iniciativa para que a institución luguesa asuma todos os seus custes, facendo que sexa totalmente gratuíta para as entidades locais. PSOE e BNG votaron a favor desta inciativa mentres o PP se abstivo malia que máis do 50% dos Concellos sumados ó plan están gobernados por membros desta formación política, os cales algúns tamén son Deputados populares, participantes na votación.
Os Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó proxecto son: Baralla, Friol, Guntín, Barreiros, Palas de Rei, Abadín, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Corgo, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, A Pastoriza, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Riotorto, Sober, Trabada, O Valadouro, Viveiro e Xove.
O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, subliñou que “debemos repensar fórmulas innovadoras e alternativas económicas coma esta iniciativa para aforrar custes ás entidades locais”. O proxecto consiste na instalación dunha turbina á saída dos depósitos da auga, producindo enerxía sen que se precisen máis infraestruturas específicas e sen reducir o cauce dos ríos. Será cunha toma independente no tanque e conexión coa rede xeral, como un by pass, para garantir que, en caso de avería, non interrumpa o abastecemento. Este sistema permitirá, ademais, mellorar a calidade da auga ó osixenala.
Valiño avanzou que o primeiro paso deste plan será a realización dun estudo técnico, económico e xurídico. Esta primeira fase, que conta cun prazo de execución de 3 meses, determinará o número de traídas susceptibles de aproveitamento eléctrico, así como o de turbinas. Para elo, técnicos provinciais comprobarán se a potencia da agua é suficiente para que chegue ó depósito sen necesidade de elevala. Posteriormente, o organismo provincial adquirirá o material necesario mediante unha “contratación conxunta que potencia as economías de escala e aforra custes”, remarcou o Deputado. Esta segunda fase terá unha duración de 9 meses.
En defensa dos veciños de Magazos
A sesión aprobou esixir á Xunta que non obvie as alegacións presentadas polos veciños de Magazos que e cumpra os prazos establecidos para o remate da Vía de Alta Capacidade, consensuada en 2006 e avalada por todos os cidadáns da localidade viveirense. A institución luguesa tamén acordou instar ó Executivo galego a rexeitar o estudo de impacto ambiental realizado por esta administración e a iniciar as actividades administrativas, xudiciais e políticas para modificar dito documento, tendo en conta as alegacións presentadas pola Deputación, o Concello e os veciños afectados. A que foi unha proposta do equipo de Goberno Provincial saíu adiante malia os votos en contra de todos os representantes do PP, grupo político que defendeu o actual trazado porque “son os técnicos os que mellor se adaptan as necesidades”. A este respecto, o Deputado mariñano, José Ramón Val Alonso, destacou que “están a antepoñer os intereses do seu partido ós dos veciños, dividindo a Comarca en dous e retrasando a VAC. Hai 6 anos, si contabamos cun informe técnico acordado cos 3.000 veciños que hoxe respaldan as 72 alegacións presentadas contra o seu proxecto. Coa súa postura, demostran que o Partido Popular non consensua as súas medidas cos cidadáns senón que as impoñen”.
Infraestruturas para Lugo
O Pleno acordou instar ó Goberno Central a cumprir os prazos fixados polo Ministerio de Fomento no 2010, garantindo a incorporación canto antes dun servizo de Alvia híbrido para a liña Ferrol-Coruña-Lugo-Monforte-Ponferrada; e axilizar os trámites para garantir a chegada do AVE a Galicia nos prazos establecidos no Pacto do Obradoiro. A Deputación tamén aprobou demandar ó Presidente da Xunta que cumpra o compromiso asumido na época electoral de asumir a execución do treito de alta velocidade Ourense-Lugo para garantir a conexión directa da provincia con Madrid. Asi mesmo, o organismo provincial esixe ós Executivos do PP a realizar as xestións oportunas, coa consignación orzamentaria correspondente, co fin de garantir que Monforte sexa un dos principais nudos loxísiticos de Galicia na rede transeuropea de transporte. PSOE e BNG votaron a favor destas iniciativas que o PP rexeitou, asegurando que “José Blanco sobraba, grazas a Deus que xa non é Ministro. Deixen traballar á titular da carteira de Fomento para continuar na mesma liña de entendemento e colaboración coa provincia de Lugo”. Ó respecto, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou que “non sei a que colaboración se refire cando Fomento non fixo nada en Lugo dende que o PP chegou ó Goberno Central”.
























Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
As fotografías empregadas serán de uso interno e non se publicarán nin compartirán en redes sociais nin en internet. A actividade está aberta tamén a nenos e nenas doutros concellos.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.



