A VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN PRESENTOU AS ACTIVIDADES DE VERÁN DA REDE MUSEÍSTICA
Teatro, arqueoloxía ou deseño son algunhas das temáticas sobre as que versarán os obradoiros programados
O delegado provincial de Cultura insistiu en que “os museos deben ser elementos de atracción turístico cultural e contribuír ao desenvolvemento económico da provincia”
Durante o verán os museos da Rede Museística abrirán de luns a venres en horario continuado e as fins de semana en horario de mañá
En agosto de 2011 o Museo Provincial de Lugo recibiu máis 4.900 visitantes
Lugo, 29 de xuño de 2012. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou na presentación das actividades de verán programadas pola Rede Museística coas que se pretende achegar os museos aos cidadáns e que os participantes profundicen no coñecemento de características propias da provincia.
Segundo explicou o delegado provincial de Cultura, “trátase dunha completa e atractiva oferta de actividades, algunhas que se levarán a cabo en todos os museos da Rede e outras que se realizarán só nalgún dos museos. Así, os catro museos que conforman a Rede Museística: o Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar, en San Cibrao; o Pazo de Tor, en Monforte; e o Museo Etnográfico San Paio de Narla, en Friol, compartirán varios obradoiros, entre eles o “Enrédate na Rede” e o “Campamento de Arqueoloxía. Pero ademais, cada un dos museos terá unha oferta específica, como o Museo de Lugo que acollerá un obradoiro de “Deseño e Moda”.
“Dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo –puntualizou Outeiro- estase a traballar para que os museos da Rede sexan modernos, dinámicos, estean ao servizo do cidadán e teñan unha programación atractiva na que se mesture educación, cultura e diversión. Nos últimos anos o turismo cultural experimentou un incremento importante que contribúe ao desenvolvemento económico. Razón pola que tratamos de que todos os museos da Rede sexan cada vez máis accesibles para os visitantes”.
Dacordo a esta tendencia e a este obxectivo, a Rede Museística remata de adaptar os seus horarios para o verán. Todos os museos abrirán as súas portas durante todos os días; de luns a venres de maneira continuada de 9:00 a 21:00 horas, os sábados de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas, e os domingos e festivos en horario de mañá de 11:00 a 14:00 horas.
Segundo os datos de visitantes correspondentes ao ano 2011, no mes de agosto o Museo Provincial de Lugo recibiu 4922 visitantes, resultando ser o número de visitas máis alto do ano coa excepción do mes de abril no que se rexistraron un total de 4965 visitas, se ben nesta cifra débese incluír as correspondentes a visitas escolares.
Mario Outeiro insistiu en que “Lugo é unha cidade de fundación romana, con atractivos culturais cada vez mais coñecidos, como por exemplo a muralla romana, declarada pola UNESCO patrimonio da humanidade, e ten o privilexio de estar enclavada no Camiño Xacobeo. Potenciar estes e outros atractivos culturais da provincia permitiranos incrementar as posibilidades de desenvolvemento económico e social nunha conxuntura económica tan desfavorable como a presente”.