A DEPUTACIÓN DE LUGO DEMANDA A IMPLICACIÓN DOS GOBERNOS GALEGO E CENTRAL PARA GARANTIR A CONTINUIDADE DA ACTIVIDADE DE ALCOA
A Xunta de Goberno aprobou reclamar ao executivo estatal tarifas eléctricas especiais para as autonomías con excedente de produción
Lugo, 15 de xuño de 2012. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de acordar esixir á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado que adopten medidas para garantir o mantemento da actividade da planta de Alcoa en San Cibrao, para que esta multinacional sega a ser un alicerce industrial e económico da provincia, en canto aporta o 35% do PIB lucense e dá emprego a máis de 2.000 persoas.
Segundo explicou o vicepresidente da Deputación e delegado das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, “o executivo central debe negociar coas eléctricas para que as grandes industrias galegas poidan asinar contratos de longa duración cunha tarifa reducida que lles permita manter a súa produción. Xa no 2009, Alcoa sufriu as consecuencias da desaparición da tarifa G-4 véndose obrigada a acollerse ao servizo de interrumpibilidade que, ademais, este ano, sufriu un encarecemento do dez por cento”.
“Pero os efectos negativos da política enerxética do Goberno do Partido Popular –continuou Veiga- poden ser moito peores para as industrias galegas se se cumpre o anuncio do ministro de Industria sobre a posible modificación do marco retributivo do sistema eléctrico, o que, ao mesmo tempo, está a provocar moita incerteza á hora de negociar un novo contrato eléctrico a longo prazo con prezos baixos, como precisa Alcoa”.
Dende a Deputación de Lugo reclámaselle ao Goberno central que dote de tarifas eléctricas reducidas ás comunidades autónomas con excedente de produción como Galiza, que ademais, “xa soporta os custes sociais e ambientais das eléctricas. A solicitude desta rebaixa para as autonomías xustifícase, tamén, en que o propio sistema eléctrico mantén solidariamente o sistema extrapeninsular nun custe estimado de 1.800 millóns de euros para este ano” – puntualizou o vicepresidente.
Os custes enerxéticos de Alcoa San Cibrao poderían ser moito menores se a planta tivese acceso a gas natural, o cal sería unha vantaxe dende a perspectiva económica e medioambiental. Nese senso, a Xunta de Goberno da Deputación acordou reclamar ao executivo galego a construción dun gasoduto.
O acordo aprobado pola Xunta de Goberno en relación á continuidade de Alcoa na Mariña non só se refire á implicación da Xunta de Galiza e do Goberno central, senón que demanda un compromiso dos responsables de Alcoa para manter o emprego e as condicións sociolaborais tanto na empresa principal como nas auxiliares.