Km0 xerou dende a súa posta en marcha un volume de negocio de 1,5 millóns de euros na provincia con 35.000 participantes
– O Presidente fixo balance dos tres anos e medio do programa medioambiental, que beneficia a 250 empresas, todas PEMES e autónomos, que dan emprego directo a case 1.400 persoas en sectores estratéxicos, como a hostalería, comercio, artesanía e turismo
– Catro representantes de firmas colaboradoras de Km0 –Val do Naseiro, as redeiras de Burela, Embutidos Suarna e Vía Romana- ratificaron a repercusión económica e laboral do proxecto, así como a súa incidencia no recoñecemento social da súa actividade profesional
– O 7 de xullo arranca unha nova etapa, Km0 Fin de Semana, co que a Deputación responde á demanda que lle fixeron os propios empresarios, e co que “queremos chegar a máis xente para que máis empresas se beneficien dos seus efectos durante máis tempo”
O programa Km0 que a Deputación ideou co obxectivo de aproveitar a potencialidade do medio ambiente para dinamizar a economía da provincia xerou dende a súa posta en marcha un volume de negocio de preto de 1,5 millóns de euros grazas á participación de case 35.000 persoas de 375 asociacións nun total de 736 rutas. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado de representantes de catro empresas colaboradoras do proxecto, ofreceu estes datos nunha rolda de prensa celebrada este martes nos xardíns do Pazo de San Marcos, na que fixo balance de Km0 dende que arrancou, en setembro de 2008. “Km0 foi un éxito dende o primeiro momento a nivel social, como demostra que a día de hoxe haxa máis de 7.600 persoas á espera de facer unha ruta, pero tamén no plano económico, pois é un revulsivo para o tecido empresarial e o emprego de Lugo”, subliñou Besteiro.
Dos preto de 1,5 millóns de euros de volume de negocio xerado dende a posta en marcha de Km0 -o que supón 415.000 euros ó ano-, un total de 1,1 foron “beneficios directos para as preto de 250 empresas colaboradoras coas que contamos”, explicou o Presidente, todas PEMES e autónomos, que dan emprego directo a máis de 1.370 persoas en sectores estratéxicos da economía lucense, como son a hostalería, o comercio, a artesanía ou o turismo, xa que os participantes paran en restaurantes, casas de turismo rural, pero tamén lonxas, adegas, queixerías, fábricas de embutidos, produtores de fabas, obradoiros artesáns, museos ou parques naturais”. O importe restante, preto de 340.000 euros, “correspóndese co que podemos chamar gasto indirecto dos participantes, ou fóra do programa. É dicir, a parte das paradas que están previstas nas rutas de Km0, sempre se fan paradas aleatorias, non incluídas nos itinerarios, nas que a xente gasta cartos. Póñolles exemplos: xente que compra décimos nunha administracións de lotaría porque quere levar sorte á casa; xente que leva das pastelerías os doces típicos da zona, por exemplo a torta de Mondoñedo ou a de Guitiriz; xente que viño en adegas…”
Valoración dos empresarios
Xunto ó Presidente, estiveron precisamente representantes de catro das firmas que se benefician directamente do impacto económico de Km0: Ángeles Galdo Sánchez, xerente do restaurante Val do Naseiro de Viveiro; María Jesús Alonso, presidenta da Asociación de Redeiras Cabo Burela; Hortensio Díaz Robledo, xerente de Embutidos Suarna; e Juan Luis Méndez Rojo, xerente da adega Vía Romana, de Chantada. A xerente de Val do Naseiro afirmou que “cos ingresos que garante Km0 podemos manter postos de traballo, xa que ademais, ó estar avalado por unha administración pública, os pagos están garantidos. Pero non é so beneficioso para nós, pois a xente que participa recorre o Concello e tamén fai gasto. É un proxecto que vexo positivo ó 100%”.
A presidenta da asociación de redeiras de Burela, que naceu ó abeiro de Km0, destacou a valía do proxecto para “aumentar o recoñecemento social da nosa profesión”. “Somos artesás moi pouco recoñecidas, e Km0 serve para facela nosa actividade máis visible. Esperemos que isto siga por moito tempo”. Hortensio Díaz Robledo, de Embutidos Suarna, cualificou o proxecto de “moi positivo, tanto polos clientes directos e indirectos que recibimos”, como porque as rutas serven “para que a xente coñeza a zona dos Ancares, que ó mellor estaba un pouco esquecida”. En canto á actividade da propia fábrica, comentou que ós participantes no Km0 “sorpréndelles que sigamos utilizando métodos tradicionais de elaboración”. Xa por último, Juan Luis Méndez Rojo, de Vía Romana, cre que Km0 logra dous obxectivos: “por un lado, a xente sabe o que custa facelo viño; entra pensando que o viño é caro e sae pensando que é barato; e, por outro, hai unha incidencia na propia venda e na promoción da marca”. “Este é o único proxecto deste tipo que serviu para traer xente á Ribeira Sacra, para que a coñeza, e que saiba como se traballa na viticultura”, resaltou Méndez Rojo.
Ranking de Concellos con maior gasto
A oferta de Km0 inclúe 127 rutas en tres modalidades (km0 tradicional, Km0 Xtreme e Km0 a Compostela), que discorren polos 67 Concellos da provincia, aínda que son 50 os municipios máis demandados. O ranking dos sete Concellos nos que os participantes en Km0 fixeron un maior gasto son os seguintes: Ribadeo (onde a praia das Catedrais, os paseos en lancha pola ría, o casco histórico e as actividades acuáticas son os principais atractivos); Sober (as adegas, a olería de Gundivós); Viveiro (o comercio e o casco histórico, as praias ou a ría); Mondoñedo (Covas do Rei Cintolo, Museo Catedralicio, ou un obradoiro de zocas); Cervo (a fábrica de Sargadelos ou a vila de San Cibrao); Pedrafita (O Camiño de Santiago, ou o monte de Santa Cruz); Cervantes (Piornedo, as pallozas, ou a igrexa de Donís).
Hai varias empresas e organizacións que se constituíron ou que ampliaron a súa actividade grazas a Km0: a propia asociación de redeiras de Burela, o colectivo de ferreiros de Riotorto e unha agrupación de tecedoras de Vilalba puxéronse en marcha; e a empresa de lecer Hola Ola!! de Ribadeo, por exemplo, tivo que crear unha sección específica para atender a demanda xerada por Km0.
O proxecto conta de feito, como destacou Gómez Besteiro, co recoñecemento das empresas colaboradoras por dúas razóns: “porque atrae xente ós seus negocios durante todo o ano e porque supón unha inxección directa de fondos”. A Deputación conta de feito con ducias de escritos de empresas felicitándoa por ter emprendido esta iniciativa e demandando que lle dea continuidade.
Sobrevivir máis alá das axudas europeas
A Unión Europea avala o programa Km0, pois concedeulle fondos especificamente destinados a este fin a través do plan Lug02, co que o organismo provincial impulsa o medio ambiente como a gran oportunidade económica da provincia, capaz de xerar emprego e fixar poboación. Deste xeito, a UE sufraga o 70% do proxecto, polo que ademais os participantes empezaron a pagar nesta cuarta tempada, que arrancou en setembro.
“Este é un programa vivo, en continua progresión: pensen que, nun primeiro momento, co cofinanciamento da UE, asumimos o custe íntegro das rutas porque queríamos mostrar o que temos, os nosos extraordinarios recursos; logo, unha vez que a xente respondeu, os participantes comezaron a pagar –esta é na etapa na que nos atopamos na actualidade-; e, ante a previsión de que poidan acabarse os fondos europeos, algo que non sabemos se vai ocorrer ou non, queremos ir poñendo as bases para que esta exitosa iniciativa, cunha ampla e consolidada infraestrutura, poida sobrevivir máis alá das axudas públicas, da administración”. Deste xeito, para 2013 o obxectivo é que a Deputación siga aportando o persoal de acompañamento das rutas, pero que o resto dos gastos, que o organismo lugués non asume con fondos propios, os poidan costear os propios usuarios, a un prezo módico.
Nova etapa e máis inglés
Por toda a actividade económica que se xera en torno a km0, pola demanda das propias empresas e porque hai máis de 7.600 persoas que teñen solicitado un itinerario, as rutas estenderanse á fin de semana a partir do 7 de xullo. “Iniciamos por tanto unha nova etapa, o Km0 Fin de Semana, porque, aínda que cando arrancou este proxecto non quixemos entrar neste terreo, as circunstancias da provincia cambiaron e hoxe, neste tempo de dificultades económicas, temos que apoiar ós nosos empresarios”, asegurou Gómez Besteiro.
“Queremos que máis empresas se beneficien efectos de Km0 durante máis tempo”, sinalou o mandatario provincial. De feito, o obxectivo é ampliar o público obxectivo do programa, chegar a aquelas persoas que non poden participar pola semana porque está traballando, familias, o turismo interior…
De xeito paralelo, potenciarase o Km0 en inglés, é dicir, o mesmo programa de rutas, pero con guías neste idioma, especialmente dirixido para persoas que queiran practicar inglés.
O km0 fin de semana arrancará o sábado 7 de xullo coa primeira ruta, e continuará durante ese mes de xullo; pararemos no mes de agosto, e en setembro retomaremos a actividade, inaugurando dese xeito a 5ª tempada de Km0. Nesta nova andaina, dende o propio 7 de xullo, haberá unha ruta os martes, mércores, xoves e sábados.
A forma de inscribirse seguirá sendo o mesmo que ata o de agora: vía telefónica, a través da web ou na nosa plataforma de comercio electrónico, www.losproductosdelugo.com na que as persoas que compren a entrada teñen un desconto do 10%. Precisamente, na nosa tenda virtualKm0 é un dos servizos estrela: recibiu preto de 2.000 visitas e unhas 800 persoas reservaron rutas a través da plataforma.











Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



