ANTONIO VEIGA CONSIDERA “UNHA VERGOÑA AS CASETAS DE OBRA ONDE PRESTAN DETERMINADOS SERVIZOS MÉDICOS NO HOSPITAL DA COSTA”
Os nacionalistas afirman que só se lle subministrará unha botella de auga ao día aos doentes hospitalizados
O BNG informa que Hospital da Costa só cambiará a colcha da cama unha vez a semana
A Mariña, 1 de xuño de 2012. O Bloque Nacionalista Galego sumouse na xornada de hoxe ás críticas que diferentes colectivos sociais da comarca están a facer respecto ao funcionamento do Hospital da Costa, aos problemas de funcionamento derivados do recorte do investimento sanitario e da ineficacia da xestión e tamén para expresar o seu apoio a mobilización a celebrar en Compostela o vindeiro domingo onde as diferentes Plataformas Sanitarias da Mariña demandaran un cambio de rumbo nas políticas da Xunta de Galiza.
Antonio Veiga, responsábel comarcal do BNG, definiu de “auténtica vergoña as casetas de obra que está a utilizar o Hospital da Costa para prestar determinados servizos, casetas de obra que alén doutras consideración sobre a súa ideonidade para a función que lle encomendan, evidencian que o Hospital da Costa fica pequeno como temos denunciado en múltiples ocasións, vive ao borde do colapso pola falta de espazo, e xa que logo precisaría dunha ampliación. Así e todo os pendellos que ven de colocar a actual equipa directiva do Hospital, supoñemos co consentimento do SERGAS, son a proba do algodón que a sanidade publica non é unha prioridade para o PP e estamos no camiño de desmantelamento do centro de Burela”.
O portavoz comarcal do BNG afirmou que “estes feitos non se poden desvincular das recentes decisións adoptadas pola dirección do Hospital, no que eles chaman recorte do gasto e que se concretan nunha orde na que se recolle en que aos doentes só se lle subministrará unha botella de auga ao día, na supresión do Kit de ingreso para as persoas sen recursos e que a colcha da cama só se cambiará unha vez á semana, algo que choca cun principio básico das prácticas hospitalarias para combater as infeccións”.
“Chove sobre mollado” destacou Veiga quen lembrou que “recentemente a propia Consellaría de Sanidade acordou fechar na tempada de verao 30 das 140 camas do Hospital o que supón case un 18% e sitúa ao centro hospitalario da Mariña á cabeza da redución de camas no conxunto do sistema sanitario galego. Situase fora de toda lóxica que o centro de Burela reduza a súa cobertura no período estival, por ser este un momento no que a poboación se multiplica por tres na Comarca e na que precisamente o que sería necesario é reforzar a atención sanitaria xa que a experiencia doutros anos deixa claro que é nestas datas cando se colapsan os servizos sanitarios na zona, tanto en atención primaria como en atención especializada”.
O responsábel comarcal do BNG indicou que “non temos dúbida algunha que todas estas decisión van na dirección de deteriorar a calidade asistencial no Hospital da Costa, na perspectiva do desmantelamento, na dupla dirección de avanzar na centralización dos servizos de atención especializada en Lugo como de continuar derivando pacientes a privada co fin de deteriorar o sistema público, algo lóxico desde a perspectiva dunha forza política que entende a sanidade como un negocio. Neste sentido debemos explicar a decisión da Consellaría de deixar ao Hospital da Costa sen unidade móbil para a detección temperá do cancro de mama”.
Xa por último o portavoz do BNG convidou e animou a todos os veciños da Mariña a participar da mobilización convocada o domingo en Compostela, “xa que facer da do Domingo unha grande mobilización na defensa dos servizos públicos é o camiño para paralizar as intencións do PP respecto do Hospital da Costa”.