MARIO OUTEIRO ENTREGOU OS PREMIOS DA COPA PROVINCIAL DE FÚTBOL BASE EN VILALBA
Sagrado Corazón e Praia de Covas en cadetes e Viveiro e Lugo en benxamíns disputaron as finais, nas que venceron os favoritos: Praia de Covas e Lugo
Lugo, 9 de xuño de 2012. Esta tarde, o delegado das Áreas de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, entregou en Vilalba os premios aos equipos vencedores da Copa Provincial de Fútbol das categorías cadete e benxamín disputadas nos campos de fútbol da Magdalena, en Vilalba. Os premios consisten nun trofeo acreditativo máis un vale para mercar unha equipación deportiva. Na final da categoría benxamín, que disputaron o Lugo e o Viveiro, o conxunto da capital impúxose ao cadro mariñán por un claro 6-3, mentres que no duelo de cadetes impúxose a lóxica e a superioridade do Praia de Covas no xogo trasladouse ao resultado, vencendo nesta Copa Provincial de Fútbol Base por un 2 a 0 ao Sagrado Corazón de Lugo.
Este torneo xunta aos equipos lucenses de fútbol base benxamíns a xuvenís, e está organizado pola delegación lucense da Federación Galega de Fútbol e conta co patrocinio da Área de Deporte da Deputación de Lugo. Ademais, hai que a maiores desta copa provincial, a Área de Deporte da Deputación puxo en marcha este ano a 1ª Copa Deputación de Fútbol Base, cuxas finais da categoría infantil se disputan esta fin de semana en Viveiro, xuntando a máis de 500 rapaces e rapazas e ás súas familias durante os días da fin de semana, cunha importante compoñente para favorecer o compañeirismo, así como a dinamización económica a través da hostalaría e o turismo.