A CIG-Ensino denuncia que a Xunta de Feijoo segue cos recortes en educación e deixa aos centros sen o profesorado necesario
Para o curso próximo suprímense cinco unidades de primaria e redúcese numeroso profesorado en secundaria
Con estas medidas o alumnado estará peor atendido e medrará o fracaso escolar
Ribadeo a 23 de xullo de 2012.- A CIG- Ensino volve a saír ao paso e denunciar as pretensións da Consellaría de seguir recortando en educación e deteriorando o ensino público na nosa comarca. Despois de saír publicadas as vacantes e adxudicar provisionalmente os destinos do corpo de mestres, a CIG constata que para o curso que vén vai haber unha redución importante de profesorado, máis supresións de unidades escolares, máis agrupamentos de alumnado de distintas idades e menos atención especializada do alumnado.
Segundo os propios datos da Consellaría, a Xunta suprime 12 prazas de mestres nos centros de Infantil e Primaria da Mariña, que terán cinco unidades menos que o ano pasado. Cos novos agrupamentos que impostos desde o departamento da Xunta, a CIG alerta de que coas novas imposicións de non cobertura das baixas ou a ampliación dos horarios, a calidade educativa vaise a ver moi resentida á vez que se darán situación claramente discriminatorias como é o caso do Ceip de Barreiros onde os alumnos/as quedarán sen especialistas de Educación Física ou de Música ou o Ceip Caselles Rollán de Xove onde se quedan sen suficientes apoios educativos para atender ao alumnado con necesidades especiais ao quedar con tres profesores menos e con aulas masificadas de 28 alumnos en 6º de primaria. Unha vez máis Feijoo mentiulle aos galegos e galegas cando afirmara que as novas ratios non se ían aplicar en Galiza e que non faría falta agrupar aos alumnos. A situación vese moi agravada en todos os centros pois os profesores ademais das funcións educativas teñen que facer outras funcións que non son propiamente súas como son as de custodia do transporte ou todas as labores administrativas do centro, situación que a CIG ten denunciado e demandado a súa solución dotando aos centros de persoal administrativo.
Aínda son peores as perspectivas nos centros de Secundaria da comarca. A CIG-Ensino ten constancia que a Consellaría, a través das inspeccións e dos servizos provinciais, se dirixiu ás direccións dos centros educativos para indicarlles que recortaran un 10% do profesorado, sen dar máis explicacións. Desde a CIG esta forma de actuar da Xunta e dos servizos de inspección é claramente unha actitude irresponsable e indecente. “Trasládanlle toda a responsabilidade aos centros e as direccións mentres eles escóndense nos seus despachos climatizados” alega Dores Fernández Abel, secretaria da CIG-Ensino da Mariña. Se esta redución se aplica, como a Xunta pretende, estamos a falar de entre corenta e cincuenta profesores e profesoras menos para o curso que vén nos institutos de secundaria da Mariña. Ao mesmo tempo, coas novas medidas, incrementarase o número de afíns a impartir polo profesorado aínda non sendo da especialidade e a obriga de ter que compartir centros co conseguinte empeoramento das condicións laborais e a perda na calidade do ensino. Por exemplo, no IES da Pontenova o profesor de Educación Física vai a ter que dar como afín Matemáticas en 3º e 4º de ESO ou no IES de San Cibrao onde un profesor terá que impartir Ciencias Sociais e Música sen ser especialista, situacións irregulares e totalmente antipedagóxicas.
“Desde que Feijoo chegou ao goberno da Xunta os centros de primaria e de secundaria da Mariña reduciron as plantillas en case 100 profesores/as menos, suprimíronse máis de 10 unidades escolares, pecháronse catro escolas unitarias e varios comedores escolares ou elimináronse ciclos formativos de formación profesional. Todo para deteriorar cada vez máis o ensino público e que só teñan dereito a estudar en condicións os que teñan cartos ou vivan nas cidades” afirma Dores.
Para a CIG-Ensino, todas estas decisións da Xunta para o curso escolar próximo confirman que a folla de ruta trazada polo PP inclúe a aplicación de máis recortes no ensino público que irán en detrimento da calidade do ensino e do dereito do alumnado a recibir este servizo público en igualdade de oportunidades, ademais de aumentar o paro e afondar na recesión económica xeral do pais.