O BURELA FS PRESENTA A SEXTA EDICIÓN DO CAMPUS MIXTO INTERNACIONAL
O CD Burela FS Pescados Rubén presentou esta mañá a sexta edición do Campus Mixto Internacional de Fútbol Sala Base bautizado co nome da entidade laranxa, que terá lugar entre o 12 e o 14 de xullo. O salón de plenos da casa do concello da localidade acolleu o acto coa presenza do tenente de alcalde de Burela, Manuel Fernández Valle, a concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro López, e o presidente da fundación colaboradora Imdecum, Marcelino Luna Almarza, xunto ao presidente do club burelista, José Ramón González Casas.
O Concello de Burela felicitou o comité organizador e o club “polo desenvolvemento e conservación de iniciativas que impulsan a motivación e afección ao deporte entre os máis pequenos” en palabras de Beatriz Piñeiro.
Marcelino Luna tamén aplaudiu o proxecto de base do Pescados Rubén e transmitiu a noraboa por “superar a calidade do profesorado, que edición tras edición reúne a profesionais de prestixio internacional”. “Para a Fundación é un orgullo apoiar iniciativas coma o campus, que traballa por consolidar os valores de deporte e saúde entre a xuventude” explicou o presidente de Imdecum.
José Ramón González Casas concluíu a presentación expresando o agradecemento da entidade a patrocinadores e colaboradores, “un apoio co que o campus non só consegue manterse senón tamén consolidarse entre as referencias deportivas estivais ano tras ano”. O clínic burelista conta co patrocinio da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Concello de Burela, Fundación Imdecum e Living Sport, ademais da colaboración do Concello de Cervo, Construcciones Saa SL, IES Monte Castelo, CEIP Vista Alegre e Bifrutas Pascual. A Mariña-El Progreso é o xornal oficial da cita, con Eje Atlántico e Costa de Lugo Aseguradores como grupo asegurador.
Matrícula aberta. Ata o venres 6 de xullo, a matrícula estará aberta (de 7 e 14 anos) para gozar dunha cita que contará co adestrador de porteiros da Selección Española de Fútbol Sala, César Arcones, e o preparador físico da Vermella, Antonio Bores, entre o seu profesorado. A folla de inscrición está á disposición das persoas interesadas nas oficinas do club (avda. Arcadio Pardiñas, número 97) ou a través de www.burelafs.org/campus. As tarifas para o alumnado da ED EON Burela FS e dos clubs vinculados á entidade laranxa por convenios será de 35 euros e para o resto de 50. Aqueles/as alumnos/as que o desexen tamén poderán escoller entre un réxime de media pensión (25 euros máis) e un de pensión completa (60 euros máis).
FOTO: De esquerda a dereita, Marcelino Luna, presidente da Fundación Imdecum; Manuel Fernández, tenente de alcalde de Burela; Beatriz Piñeiro, concelleira de Deportes; e José Ramón González Casas, presidente do CD Burela FS