O EQUIPO DE GOBERNO SOMETERÁ A APROBACIÓN NO PLENO DO XOVES O EXPEDENTE DE CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR NA MODALIDADE DE DEPENDENCIA. DIANA DURÁN SUBLIÑA QUE “QUEREMOS ESCOITAR A OPINIÓN DE TODOS OS GRUPOS POLÍTICOS”.
Burela, 24 de xullo de 2012. No pleno ordinario do vindeiro xoves, 26 de xullo, o o equipo de goberno someterá a aprobación o expedente de contratación do servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia. O orzamento máximo ao ano, IVE incluido, será de 225.600 euros e a duración do contrato será de dous anos, prorrogable ata un máximo de catro. A súa tramitación será urxente e a forma de adxucación será a da oferta máis vantaxosa económicamente avaliando tamén o proxecto de organización de servizo e as melloras.
A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, subliña que “queremos sometelo a aprobación en pleno para escoitar as opinións de todos os grupos políticos. Consideramos que se trata dun asunto moi importante, de aí que decidísemos levalo ao pleno ordinario do vindeiro xoves”. Durán lembrou que “o bipartito, nos anos que estivo no goberno do Concello de Burela, nunca levou esta contratación a pleno para o seu posterior debate e intercambio de ideas e pareceres”.
A edil popular explica que “este contrato ten por obxecto a xestión do servizo público de axuda no fogar do Concello de Burela. A descrición, características e especificacións establécense no prego de prescricións técnicas. As necesidades administrativas a satisfacer mediante o contrato son a prestación do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, recoñecidas pola Xunta de Galicia, e que no programa individualizado de atención de recursos teñan o SAF coma recurso asignado, ou como respiro complementario doutro recurso e/ou prestación”.
Diana Durán indica que “o servizo de axuda no fogar é un servizo municipal que ten por obxecto prestar un conxunto de atención ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestructuración familiar”. E engade que “os seus obxectivos pasan por mellorar a calidade de vida das persoas usuarias; posibilitar a permanencia no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; retardar ou evitar a institucionalización; e reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social”.
As atencións que se prestan desde este servizo son de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida, das necesidades de carácter doméstico e da vivenda; préstanse atencións de carácter psicosocial e educativo e de carácter técnico e complementario, así como actuacións puntuais.