O ALCALDE FAI UNHA VALORACIÓN MOI POSITIVA DA PROMOCIÓN DA VILA E DA FEIRA DO BONITO REALIZADA A PASADA FIN DE SEMANA EN MEDINA DEL CAMPO. GONZÁLEZ BARCIA ESTÁ DISPOSTO A REPETIR EXPERIENCIA NOUTROS CONCELLOS.
Burela, 16 de xullo de 2012. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, fai unha valoración moi positiva da promoción da vila e da feira do bonito que se realizou a pasada fin de semana en Medina del Campo. O rexedor está disposto a repetir experiencia tamén noutros municipios.
González Barcia dixo que “vimos safisfeitos e entendemos que se abre un marco de colaboración institucional entre os Concellos de Medina del Campo e Burela para promocionarnos eles aquí e nós alí. A eles brindámoslles a posibilidade de estar aquí en Burela en Produart e nós, probablemente, estaremos nas festas de San Antolín a principios de setembro nunha feira exposición multisectorial que se celebra durante todo unha semana”.
Para o rexedor burelés “nós conseguimos os nosos obxectivos: promocionar Burela e a festa do bonito. E agardamos e confiamos en que o restaurante que nos acolleu alí para facer as degustacións veña a Burela pola festa do bonito e Produart. Agradecémoslle o trato que nos deu, que foi exquisito”.
O alcalde sinalou que “do que se trata é de, nestes momentos de crise económica, tentar poñer en marcha todos os recursos que ten o Concello de Burela para atraer visitantes. Neste caso foi a Sociedade Cultural Ledicia, coa que o Concello leva colaborando desde sempre para a celebración da festa do bonito e doutros eventos, a que deu este paso xunto co Concello para estar en Medina del Campo”.
González Barcia indicou que “a idea que temos de cara ao vindeiro ano é repetir en Medina del Campo, veremos cómo podemos configurar a presencia de Burela alí no 2013, pero entendemos que esta primeira experiencia é claramente positiva e por iso estamos abertos a repetir non só en Medina del Campo, senon a abrirnos a outras localidades ou Concellos que nos poidan acoller para levar adiante actividades de potenciación mutua, tal e como estamos a facer agora con Medina del Campo”.