A VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN AMOSA A SÚA PREOCUPACIÓN POLAS CONSECUENCIAS DA POLÍTICA EDUCATIVA DA XUNTA NO RURAL LUCENSE
Aprobados dous convenios de colaboración cos concellos de Mondoñedo e A Pobra de Brollón para o mantemento das escolas municipais de música
Mario Outeiro asegura que “as políticas do Goberno do central e da Xunta de Galiza están dirixidas a desmantelar os servizos públicos”
Lugo, 3 agosto de 2012. O portavoz nacionalista na Deputación e delegado das áreas de Cultura e Ensino, Mario Outeiro, amosou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno celebrada hoxe, a preocupación da Vicepresidencia da institución provincial polas consecuencias que xa nun futuro inmediato terá a política educativa da Xunta de Galiza centrada na supresión de prazas de mestres e unidades escolares.
Soamente na provincia de Lugo, o curso escolar 2012 – 2013 iniciarase con 54 mestres menos e 40 unidades escolares menos; datos ofrecidos pola propia consellaría de Cultura e Educación e que, segundo Outeiro, “son a proba de que a política educativa do Partido Popular busca o desmantelamento da educación pública. Estes recortes non son só un ataque directo contra o profesorado senón, tamén, contra un servizo público que constitúe un dos piares fundamentais do Estado de Benestar.”
Para o delegado provincial de Ensino “recortar en cultura, en educación e en I+D+i é sumir á Galiza no atraso permanente. Ademais, o executivo galego intensifica eses recortes nos municipios máis deprimidos da provincia de Lugo, profundando no desequilibrio territorial. Sen servizos básicos como educación e sanidade e sen oportunidades laborais, os máis mozos vense obrigados a abandonar o rural, condenando a estas zonas ao despoboamento”.
Mario Outeiro insistiu na “irresponsabilidade do conselleiro de Cultura e Educación ao permitir que unha mestra ou mestre teña que dar clase en catro centros á vez, en Láncara, A Pobra de Brollón, Triacastela e Samos, o que significa que non vai estar na maioría das ocasións nas que os alumnos e alumnas van a necesitar do seu apoio, polo que, dende a Vicepresidencia da Deputación, apoiamos e sumámonos ás denuncias e reivindicacións que están a facer os país e nais que integran a Plataforma pola Defensa da Montaña e do Rural.”
“Ao desmantelamento da educación – continuou Outeiro- hai que sumar o desmantelamento da sanidade pública e dos servizos sociais co establecemento do copago, a redución de consultas en centros médicos como o de Muimenta ou a supresión da aportación do Goberno galego para a prestación do servizo de axuda no fogar básico.”
Fronte a estas políticas do Partido Popular a Xunta de Goberno vén de aprobar convenios de colaboración por valor de 45.000 euros cos concellos de Mondoñedo e A Pobra de Brollón para garantir o funcionamento das escolas municipais de música. En concreto, adicaranse 25.000 á escola municipal de Mondoñedo, que conta con 300 alumnos e alumnas, e á da Pobra de Brollón, con 100 alumnos e alumnas, 20.000 euros.
“Igual que a crise non se pode pagar restrinxindo a educación e a sanidade públicas, tampouco se pode facer a costa da cultura. Actividades como a que establecen estes convenios de colaboración, redundan na cultura como un elemento dinamizador e de integración social, repercutindo directamente no benestar da cidadanía. Debemos ser capaces de situar á cultura como piar básico do desenvolvemento económico e social da provincia de Lugo, sobro de todo do rural” – concluíu o portavoz nacionalista no ente provincial.