O BNG DE FOZ PRESENTA UNHA MOCIÓN EN APOIO DO COMERCIO LOCAL CON MEDIDAS COMO CREAR UN CENTRO COMERCIAL ABERTO OU PEONALIZAR ESPAZOS
“A nova normativa aprobada polo PP é o golpe de graza ao pequeno comercio de Foz e da Mariña”
“O pequeno comercio representa o 80% do emprego da Mariña no sector”
Foz a 9 de agosto de 2012. – O BNG de Foz presentou unha moción para tratar no próximo pleno en defensa do comercio local e en contra do decreto aprobado polo PP no que se liberalizan os horarios comerciais ou se amplían as épocas de rebaixas que en vez de axudar prexudican ao pequeno comercio nunha época de crise coma esta.
A nova normativa de horarios comerciais é o golpe de graza ao pequeno comercio.
A nova normativa aprobada polo PP de forma acalada e en pleno verán supón o golpe de graza ao pequeno comercio galego ao incrementar o horario global da actividade comercial durante os días laborais da semana, pasando de 72 horas á semana a un mínimo de 90 e a apertura de domingos e festivos que pasa de oito a un mínimo de dez ao ano. Isto provocará que se traballara máis e con peores condicións pero non quere dicir que se vaia a crear máis emprego nin que se venda máis. Tamén, coa lei aprobada, as rebaixas poderán ter lugar na época e coa duración que elixa cada comerciante. Todas estas medidas están claramente pensadas para beneficiar ás grandes áreas comerciais e prexudicar aos pequenos comerciantes e autónomos.
A nula reacción do Goberno galego do presidente Feijoo evidencia o sometemento do executivo galego ás decisións que se tomen por parte do Goberno do Estado a pesar de que todo o sector está en contra das medidas. Está claro ademais que isto vai provocar un agravamento da situación da actividade comercial no que ao peche de estabelecementos e destrución de emprego se refire, que xa chegou a multiplicarse por tres nestes últimos anos con respecto ao inicio da crise.
O certo é que desde que se adoptaron as primeiras medidas para a transposición da Directiva de Servizos, coñecida como Directiva Bolkestein, das que estas medidas non son máis que unha parte do paquete que inauguraron as Leis 17/2009 e 25/2009 e continuou a Lei de Economía Sostible en 2011, o certo é que o INE ven rexistrando datos de caída nas vendas do comercio minorista e aumento nas grandes cadeas.
Recurso de inconstitucionalidade
Á súa vez, este Real Decreto-lei 20/2012, como os anteriores, volta a invadir as competencias en materia de comercio, atentando dun xeito claro contra as leis galegas que regulaban a actividade comercial como son a Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galiza e a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galiza.
Todas estas medidas impostas polo PP no Estado e na Xunta ten moito que ver coa liberalización máis xeneralizada no sector comercial que está levando a unha expansión acusada das grandes superficies comerciais, con liberdade absoluta de horarios na que Madrid foi pioneira, nun modelo suicida de sociedade tanto para os dereitos dos consumidores –vellos, persoas con mobilidade reducida e outros colectivos que só utilizan o comercio de proximidade-; para os produtores, pola perda de ingresos derivada das agresivas estratexias de negocio da grande distribución comercial; e para o conxunto da cidadanía que ve desaparecer o tecido comercial tradicional, a diversidade, aumentando o deterioro urbanístico e a desocupación dos centros das vilas.
Por iso, o BNG rexeita de xeito categórico a posta en marcha dos reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012 por parte do Goberno do Estado por ser lesivos para o conxunto da poboación, nomeadamente no que se refire a actividade comercial, ás persoas empregadas neste sector e ás persoas consumidoras e insta ao Parlamento e ao Goberno galego a promover un recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias en materia de comercio interior por parte do Goberno do Estado ao promulgar os decretos nomeados.
O BNG aposta polo comercio local e pon medidas enriba da mesa
O comercio tradicional ou de proximidade é a modalidade comercial inmensamente maioritaria na Galiza e na Mariña e representa o 80% do emprego no sector. Está asentada en pequenas empresas que teñen exercido e exercen un papel social e económico transcendental como é a súa influencia na estruturación e vertebración das sociedades e dos territorios, garantindo o abastecemento á sociedade, nomeadamente a aquelas persoas que teñen escasas dificultades de mobilidade. Tamén é unha actividade económica que crea emprego estábel e que inflúe e determina a economía local, función na que precisamente non destacan outros tipos de formatos comerciais. Á súa vez este tipo de comercio desempeña unha función de intercambio redistributivo en tempos de crise como a que estamos a vivir e que esta relacionado coas persoas que viven situacións económicas precarias, atendendo a estas en aspectos tan esenciais como o acceso a produtos de primeira necesidade.
Consciente de que as peculiaridades do comercio tradicional galego necesitan actuacións propias e en conxunción entre as distintas administracións, o grupo municipal do BNG propón na moción unha serie de medidas a tomar urxentemente tanto polo Xunta como polo Concello.
1. Elaboración dun plan sectorial de equipamentos comerciais ao obxecto de lograr un nivel adecuado de equipamento comercial e unha correcta distribución territorial dos estabelecementos, asegurando a necesaria accesibilidade de toda a poboación a unha oferta comercial equilibrada e suficiente.
2. Fomento das asociacións ou agrupacións de comerciantes e fomento dos centros comerciais abertos como fórmula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos.
3. Recuperación e fomento dos mercados municipais e zonas comerciais así como a rehabilitación e/ou mellora das súas contornas, contemplando a peonalización de espazos.
4. Aplicación de plans coordinados de promoción do turismo e do comercio local, co obxectivo de estimular a actividade comercial das zonas tradicionais.
5. Programas de axudas para a implantación de estabelecementos específicos que comercialicen produtos típicos ou autóctonos do lugar onde se ubican, así como para a renovación e mellora dos que xa están funcionando.
6. Estabelecemento dun fondo de avais mediante a fórmula máis acaída na que participen Goberno galego e concellos.
7. Estabelecemento dunha liña de axudas ao financiamento, ao obxecto de garantir a actividade dos estabelecementos comerciais.
8. Fomento da modernización e a mellora da xestión comercial; incremento da formación.
Aproveitamos a ocasión desde o BNG, para tamén pedirche ao alcalde que deixe de polemizar publicamente coa garda civil e resolva o problema de seguridade e malestar social que existe en Foz durante o verán.