O Concello cede o antigo local do veterinario a tres asociacións de Cervo
-As entidades beneficiarias solicitaran o uso destas instalacións ao carecer dun local de uso propio e o Concello atendeu a demanda para optimizar o aproveitamento dos recursos municipais
Cervo, 21 de agosto de 2012-A Asociación A Fervenza, a comunidade de montes A Bidueira e a ANPA do CEIP de Cervo poderán utilizar dende hoxe o antigo local do veterinario situado na vila cervense para o seu uso e aproveitamento asociativo. O Concello cedeulle estas instalacións ás tres entidades, un trámite que se fixo efectivo esta tarde no acto de entrega das chaves do local no que estivo presente o alcalde, Alfonso Villares, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, a de Xuventude, Tania González, a de Cultura, Begoña Alonso así como varios representantes das entidades beneficiarias.
Foron as asociacións as que se puxeron en contacto co Concello para solicitar a utilización do local, de titularidade municipal, do que a partir de agora disporán estas entidades. Deste xeito, as asociacións receptoras contarán cun local de uso propio do que ata o de agora carecían e que poderán utilizar para todo tipo de tarefas e actividades relacionadas cos seus fins como asociacións.
Coa cesión do local, o Concello pretende apoiar o labor destas asociacións “poñendo ao seu dispor unhas instalacións que lles permitan traballar mellor no desenvolvemento das súas actuacións e na organización de actividades, contribuíndo así ao seu dinamismo e polo tanto, en favor de toda a sociedade cervense” explica a edil de Xuventude, Tania González. Unha acción “coa que conseguimos que os distintos recursos municipais cos que contamos estean ben aproveitados, sempre en beneficio da veciñanza” engade a concelleira.
“Dende o Concello colaboramos continuamente coas distintas asociacións, prestámoslles apoio e tentamos atender todas as súas demandas na medida das nosas posibilidades co obxectivo final de seguir mantendo un tecido asociativo tan rico e dinámico como o que temos na actualidade” remata González.