Unhas 450 persoas participaron nas Noites Alternativas que se clausuraron onte co torneo de baloncesto 3×3
-O programa incluíu competicións deportivas e actividades lúdicas para todos os públicos
Cervo, 10 de agosto de 2012-As finais do torneo de baloncesto 3×3 e a entrega de medallas desta competición puxeron o punto e final ás Noites Alternativas deste verán 2012. O torneo comezaba o pasado martes e, dende entón ata o xoves, estivéronse disputando os distintos encontros. Esta actividade foi a máis multitudinaria do programa, con 34 equipos inscritos e uns 150 xogadores.
Ao remate dos enfrontamentos tivo lugar a entrega de medallas aos primeiros, segundos e terceiros de cada categoría, un acto no que estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Deportes, Yolanda Pedreira e o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto.
O programa Noites Alternativas encheu de deporte e entretemento as horas nocturnas de cervenses e visitantes durante preto dun mes, dende mediados de xullo a mediados de agosto. En total participaron nelas unhas 450 persoas, que acudiron aos torneos de fútbol praia, fútbol sala 3×3 e baloncesto 3×3, así como actividades lúdicas como a noite de orientación ou a noite do patín.
Sen dúbida, os torneos foron os actos que contaron con máis afluencia, tanto de participantes como de público, nos que decenas de persoas se achegaban noite tras noite aos puntos nos que se disputaban os encontros, como foron a praia do Torno e a praza dos Campos, para presencialos e animar aos xogadores e xogadoras. En canto aos participantes, ían dende a categoría sub 10 ata os sénior, demostrando unha boa acollida por parte de todas as idades.
“As Noites Alternativas cumpriron varios obxectivos, os mesmos para os que foi creado este programa, como son ofrecer alternativas de lecer nocturno á rapazada, á mocidade a aos adultos e fomentar o dinamismo do concello animando as noites de verán e mantendo un ambiente de convivencia e diversión” explica a edil de Deportes, Yolanda Pedreira. “Era moi agradable saír á rúa e atopar a tanta xente animada e expectante durante os torneos” engade a edil, especialmente nestas noites de verán, “nas que as temperaturas foron agradables e o bo tempo animaba aínda máis á saír da casa” remata Pedreira.