O GDR DE A MARIÑA ORGANIZA UNHA MESA REDONDA SOBRE PRODUTOS LOCAIS E MARCAS DE CALIDADE O VINDEIRO DOMINGO EN BURELA.
A cita terá lugar o domingo 5, ás 20:30 horas, na Nave de Redes, dentro da programación de Produart, a feira artesanal e ecolóxica organizada pola Fundación Expomar
O Grupo de Desenvolvemento da Comarca de A Mariña, xunto coa Fundación Expomar, organizarán unha mesa redonda arredor dos produtos locais e da súa distribución, centrando a mesma na existencia de marcas ou distincións de calidade e a súa influencia na comercialización dos mesmos.
Para esta ocasión, contarán coa presenza de José Mouriño, Xefe de Servizo de Control de Calidade Agroalimentaria e Industria da Xunta en Lugo, dunha persoa da Denominación de Orixe Faba de Lourenzá e da produtora de horta Elia Rodríguez, representante de A Sucadoira.
Segundo explica o Presidente do GDR, Anxo Martínez, “a idea é facer unha posta en común das experiencias de contar cunha marca de calidade como a Denominación de Orixe que ten a Faba de Lourenzá e trasladala a outras produtoras e produtores que se están plantexando actuacións para comercializar os seus produtos. A comercialización dos produtos do agro é un dos aspectos pendentes na cadea agroalimentaria na Mariña, polo que este é un xeito de analizar outro xeito de comercializar, baixo o paraugas dunha marca, e de darlle saída á produción.”
“O debate, ademais, pretende servir como punto de saída para acadar conclusións a respecto da comercialización de produtos que se trasladarán ao Congreso sobre Desenvolvemento Rural e o seu futuro que se celebrará os días 7,8 e 9 de novembro en Santiago de Compostela pola Asociación Galega de GDR’s”, explica Martínez.
“Desde o GDR pareceunos que a oportunidade de contar na Mariña cunha feira na que se xuntan produtores artesanais e ecolóxicos non podía deixarse pasar para esta cuestión, polo que coa colaboración da Fundación Expomar, decidimos facer esta mesa redonda para poñer en común experiencias, inquedanzas e posibles solucións á comercializacións dos produtos agrarios. Se ben, este é un primeiro paso, un punto de saída para poñer en contacto aos distintos actores da produción e da comercialización, pero non se plantexa como un punto final; xa que seguirá habendo contactos e xuntanzas para chegar a unhas conclusións que poidan ser de aplicación e de utilidade para a xente do sector e para trasladar nos debates sobre o futuro do desenvolvemento rural galego”, explica Anxo Martínez.