O pasado 20 de Xullo do 2012 o PSdeG PSOE foi convocado a Comisión Informativa de Contratación Administrativa e Persoal de conformidade co establecido na lei. Nesta sesión o Alcalde informa aos concelleiros do PSOE e do BNG das contratacións que fixo dende o 25 de Maio ata o 20 de Xullo. Explica que aproveitando a subvención dos Programas de Cooperación contrata 12 GRUMIRES e 10 socorristas polo sistema de listas nominativas.
Dende o PSdeG PSOE, Remedios López pregúntalle a que se refire co de “listas nominativas” xa que o deber do concello é dar transparencia e igualdade de oportunidades a todo o mundo. O que se soe facer, é solicitar unha oferta de emprego ao INEM, este soe mandar entre 2 a 10 desempregados por posto ofertado. O concello (representado por un tribunal cualificado e imparcial, no que non pode participar ningún político) aplica unhas bases elaboradas para os postos ofertados. Este tribunal outórgalle aos participantes unha puntuación segundo a súa formación, experiencia laboral e nota do exame teórico e práctico, coa idea de seleccionar aos mais cualificados para desempeñar ese traballo.
O Sr Barcia explica o que é unha lista nominativa: “Solicitouse ao INEM unha lista co nome e apelidos da xente que se quería contratar, co mesmo número de persoas que postos a ocupar”.
Esta actuación parécenos gravísima, e dende o PSdeG PSOE de Burela queremos denunciala. Así non é de estrañar que nesa lista aparezan exconcelleiros do PP e familiares de xente que apoiou ao Sr González Barcia nas listas municipais, evidentemente como pago de favores, que non teñen coñecementos nin formación esixida pola lei que bonificará o seu posto de traballo. Tamén nos parece moi grave que estes afortunados, non cumpran as funcións propias de un GRUMIR (Grupo Municipal de Intervención Rápida) explicadas no DOG Nº50 do 14 de Marzo do 2012, e que se dediquen a cubrir postos como o de técnico da oficina de turismo, secretaria do alcalde…. que non sabemos o que ten de intervención rápida. Ao mellor o que debemos facer é preguntar á Consellería de Traballo e Benestar da legalidade destes postos.
Estas gravísimas actuacións demóstrannos que os gobernos de dereitas non valoran a formación da poboación, nin a profesionalidade dos aspirantes aos postos. O que interesa e que se formen os mais afíns ao partido, que xa haberá alcaldes como o Sr Barcia que utilizan listas nominativas (LISTAS A DEDO) para a contratación de persoal. A dúbida será: Que pasará cando no poidan colocar a todos os afíns?