MÁIS DE 700 PERSOAS DISFRUTARÁN MAÑÁ EN CABANELA DA IV FESTA DO SOCIO QUE ORGANIZA O REAL CLUB NÁUTICO DE RIBADEO.
Ribadeo, 17 de agosto de 2012. Máis de 700 persoas acudirán mañá sábado, 18 de agosto, á IV Festa do Socio que organiza o Real Club Náutico de Ribadeo. O seu presidente, Mario Coto, tilda de auténtico éxito a XXII Semana Náutica que se está a celebrar estes días e dentro da que se inclúe a festa de mañá.
Coto dixo que “esta é a cuarta festa do socio do Real Club Náutico de Ribadeo desde que estamos nós na directiva. Este ano ten un significado especial porque recibimos hai uns meses o título de Real e deste xeito queremos celebrar este recoñecemento”. En total acudirán arredor de 780 persoas a esta cita, “desde que empezamos esta festa o número de asistentes foise incrementando pouco a pouco e neste 2012 acuden máis que ás edicións anteriores, estamos moi contentos de que aos socios lles guste que fagamos este tipo de eventos”. O menú estará composto por churrasco ao espeto, bolos preñados, postre, café, queimada e copas. A velada estará amenizada por un grupo de gaitas. O acceso ao recinto de Cabanela será a partires das 21 horas.
A Festa do Socio enmárcase dentro da XXII Semana Náutica que continúa a celebrarse con moito éxito. Hoxe hai varias regatas e a mediodía a partires das 15:30 horas sairá a tradicional zalea a Abres. O presidente do Real Club Náutico de Ribadeo anunciou que “a Semana Náutica se prolongará durante uns días máis, aínda que estaba previsto que concluise o vindeiro domingo. Mañá temos a festa do socio, o domingo temos regata outra vez, ao igual que o luns e o mércores. Por este motivo aprazamos a entrega de premios para o vindeiro 22 de agosto, mércores, ás 20 horas”. Mario Coto explicou que “os socios pedíronnos que fixésemos algunha regata máis, e como eles están de vacacións e nós nos debemos a eles o RCNR fará esa excepción de prolongar durante uns días a Semana Náutica”.
Coto sinalou que “este ano a programación da Semana Náutica superou á do ano pasado, aínda que no 2011 contamos coa presenza da Transgascogne. Eso quere dicir que os socios que participaron os anos anteriores nas nosas propostas viron que esto é unha realidade, gústalles vir aquí, atendemos as súas necesidades, e aquí disfrutan”.
O presidente do Real Club Náutico de Ribadeo destacou “o traballo e o esforzo realizado polo persoal desta entidade, que se implica e moito, en todo o que organizamos. E quero recoñecer públicamente a labor que desenvolve Santiago Fernández-Reynante, que é unha das persoas que participa activamente en todo esto para ternos organizados a todos os membros da directiva, e quero agradecerllo públicamente”.