ESTE ANO NON SE CELEBRARÁ O TRADICIONAL TIRO Á CORDA ENTRE FOZ E BARREIROS. ASÍ O ACORDABAN OS ALCALDES E A ORGANIZACIÓN NAS ÚLTIMAS HORAS E COMPROMETÍANSE A RETOMALO NO 2013.
Barreiros, 17 de agosto de 2012. Este ano non se celebrará o tradicional tiro á corda entre Foz e Barreiros. Así o acordaban esta mañá os alcaldes, Javier Jorge Castiñeira e Alfonso Fuente, e a organización, e comprometíanse a retomar este acto no 2013.
Fuente Parga sinalou esta mañá que despois da conversa mantida co rexedor focense “acordamos suspender o tradicional tiro á corda entre Foz e Barreiros, que estaba previsto para este domingo día 19 de agosto. Dada a gran afluencia de visitantes que está habendo nos dous concellos, con moita xente nas praias, e o grande número de actividades que están programadas puxémonos en contacto cos responsables da organización do tiro á corda e tomamos a decisión de suspendelo este ano”.
O alcalde de Barreiros indicou que “para este domingo, que era cando estaba programado, por parte de Foz existían bastantes inconvintes para xuntar tiradores e propoñía cambialo para o 26, pero ese día tamén xurdían inconvintes en Barreiros e tamén en Foz están coa festa normanda. Entón hoxe pola mañá decidíamos deixalo este ano sin efecto, recuperalo para o ano que ven, buscar xa unha data concreta e tela programada de forma que non coincida con ningún outro evento importante”.
Alfonso Fuente engadiu que “pensamos que é o mellor dado o gran número de xente que se xunta neste evento e a gran afluencia que está habendo nas praias tamén podía haber algún risco de seguridade e por eso acordamos deixalo sin efecto neste 2012”.