O programa inclúe actividades durante dous días
SAN CIPRIÁN ACOLLERÁ O SÁBADO 11 DE AGOSTO UNHA NOVA EDICIÓN DA FESTA DA MARUXAINA DECLARADA DE INTERESE TURÍSTICO GALEGO
A Comisión de Festas prega desculpas de antemán polos inconvenientes que se poidan producir unha cita multitudinaria como é a Maruxaina e lembra que o elevado custe e esforzo para a organización da mesma esixe da colaboración e apoio de todos
San Ciprián, a 3 de agosto de 2012: A localidade de San Ciprián acollerá o sábado 11 de agosto unha nova edición da Festa da Maruxaina, declarada de interese turístico galego. A Comisión organizadora presentou hoxe o programa da festa que inclúe actividades que se prolongarán por dous días. De feito, a cita comezará xa na tarde do venres 10 de agosto, coa elección do “Maruxaino de honra” por parte da asociación Amigos da Maruxaina -polo momento decidiron gardar o nome do galardoado como sorpresa-, aínda que o día grande chegará o sábado, con actividades xa desde primeira hora da mañá.
As orquestras TROLE e GRAN PARADA amenizarán a verbena da noite da Maruxaina, durante a que terá lugar o tradicional reparto de queimada. As charangas OS KILOMBEIROS e CHARANGOS DE NEDA serán os encargados de poñer música e diversión ao longo da xornada do sábado, por todas as rúas desta localidade.
O programa inclúe o tradicional xantar da irmandade da Maruxaina na praia do Torno –aínda que pola afluencia de visitantes normalmente se traslada a outros puntos de San Ciprián- así como tradicional desembarco da Maruxaina, ao fío da media noite, acompañado dun espectáculo de fogos de artificio que non deixará a ninguén indiferente.
COMPRENSIÓN POLOS INCONVENIENTES
A Comisión de Festas quixo tamén pregar desculpas de antemán polos inconvenientes que se poidan producir nunha cita tan multitudinaria como é a Maruxaina e lembra que é preciso a colaboración e apoio de todos para levar adiante con éxito unha festa de elevado custe económico e que require grandes esforzos
VESTIMENTA MARUXAINA
Desde a organización animan aos veciños e visitantes a empregar a tradicional vestimenta e complementos maruxainos que, como sabedes, ten unha singularidade especifica posto que rememora a imaxe dos sancibrenses e mariñáns de principios do século XX, mariñeiros e pescantinas en particular. No Día da Maruxaina, o pobo viaxa no tempo para deterse nos anos do candil de gas e das rúas de area, dos andares descalzos e dos remendos nas prendas dos menos prudentes; en parte como homenaxe e en parte como recordo. As cores predominantes na indumentaria dos maruxainos son os azuis e brancos para os homes e os negros e grisóns nas mulleres.
Esté é o programa de actos:
VENRES,DIA 10 AGOSTO
“PREMARUXAINA”
19:00 h.- GRAN CHUPINAZO: Todos á Prazoleta para dar comezo aos actos festivos da Maruxaina 2012.
19:05 h.- Concentración de maruxain@s para encher o bandullo:
A Comisión de Festas invita a todos a unha DEGUSTACIÓN, a prezos módicos, de empanadas típicas galegas e bolos preñados, con viño gratuíto.
21:00 h.- NOMEAMENTO D@ MARUXAIN@ DE HONRA 2012:
¿Quen será o nomeado este ano? ¿quen será ese afortunado? É doado despexar esa dúbida: tan só debedes de acudir a Prazoleta para que os Amigos da Maruxaina o aclaren despois dun longo e duro debate.
De seguido, acompañados polos gaiteiros, percorreremos as rúas de San Ciprián para que os maruxainos e maruxainas entren en calor.
SABADO 11 AGOSTO
“DÍA E NOITE DA MARUXAINA”
11:00 h .- GRAN CHUPINAZO: As charangas “OS KILOMBEIROS DE MONTEALTO” e “CHARANGOS DE NEDA” espertarannos a todos con pasarrúas por todo o pobo.
12:00 h.- ENGAIOLAMOS Á MARUXAINA: Tod@s os que senten maruxain@s, ataviados da forma tradicional, xuntaranse na Prazoleta para comezar o paseo polas rúas do pobo, por onde tocaremos o corno e as gaitas para avisar das nosas intencións festeiras.
14:30 h.- XANTAR DE IRMANDADE DA MARUXAINA: Na praia do Torno, ou onde coincida, reporemos forzas e encheremos o bandullo acompañados polas charangas e gaiteiros.
19:00 h.- XOGOS OLÍMPICOS TRADICIONAIS MARUXAINOS: Na praia de O Torno,competirán os mellores maruxaino-atletas do momento nas especialidades máis espectaculares que terán lugar nesta praia, entre elas estarán á carretilla, o verme, a cucaña, a corda, carreira de sacos,….haberá premios para os que gañen.
23:00 h.- DESEMBARCO DA MARUXAINA Tod@s á Praia do Torno: a presenciar a chegada da MARUXAINA: Varios mariñeiros fan sinais luminosas dende o muro da Anxuela para orientar aos que pescaron a nereida. Namentres, e para ter maior claridade na chegada da ninfa á Praia do Torno , o ceo da Península da Paz cubrirase dunha GRAN SESIÓN DE FOGOS DE ARTIFICIO POR TERRA,MAR E AIRE. A súa chegada acompañarémola entre luces de farois, sons dos cornos e berros de ¡¡Maruxaina!!, ¡¡Maruxaina!!
00.00h.- Tras o desembarco, chega o GRAN XUIZO POPULAR Á MARUXAINA. Representado polo grupo de teatro “CELIGRAS” do C.I.T e de alí, xa xulgada, e rodeada dunha gran corda e dos gaiteiros e maruxainos, levarémola ata a praza dos Campos onde o grupo de baile de MISTURA, bailarán para a Maruxaina.
00:30 h.- GRAN QUEIMADA POPULAR DA MARUXAINA: Preparada polos grandes queimadores do pobo, os mellores druídas da volta. Repartirémola de xeito gratuíto entre os que adquiran a taza da Maruxaina 2012
01.00 h.- FESTA RACHADA ATA O AMENCER coas orquestras “TROLE” E “GRAN PARADA”