UN MINDONIENSE EN SAN MARTIÑO
Suso Fernández
Cronista Oficial de Foz
O ano 1861 foi crucial na historia do Mosteiro de San Martíño de Mondoñedo, pois a punto estivo de ser demolido o cenobio, co que sucumbirían séculos de historia, privando ás xeracións sucesivas de contemplar tan orixinal monumento–exemplar único do pre-románico galego, como proclaman algúns expertos–e ós estudosos da arte, de indagar nas súas pedras milenarias.
O 28 de febreiro afundiuse o teito da nave central e con él o coro da igrexa; e como os tres ábsides que a frontean polo nacente atopábanse, xa de vello, agretados, pranteouse o dilema de se conviña restaurar a obra, ou ben derribala a facer outra nova.
Por ser Real Priorato e depender da Coroa, deuse conta a Madrid do sinistro, e con este fin viu a recoñecela de orde do Goberno, o arqueitecto don Angel Cosuí o 16 de abril de 1861, e o 22 de xaneiro de 1862 outro arquitecto da Coruña, chamado don José Noya os que, ó parecer, inclinábanse por derrubala, e que fose levantada outra a expensas da Coroa.
O Cura Prior, don Salvador Pardo Romero, que sempre se inclinou pola restauración, acudiu ó bispo de Mondoñedo, don Ponciano de Arciniega, en demanda de protección e axuda económica, quen comisionou ó mestre de obras práctico Francisco Lanteiro, veciño de Mondoñedo para que, examinadas as paredes e bóvedas, vise e propuxese o que conviña facer. Iste, cumplido o encargo, asegurou ó Bispo que se comprometía a colocar un novo teito e a asegurar os muros dos ábsides e as súas bóvedas, tapando as gretas. Como o Prelado tiña plena confianza na súa honradez e capacidade, facilitou fondos ó Prior, e Lanteiro levou a feliz termo o seu compromiso, deixando intactos a súa forma, detalles e ornamentación, e robustecendo con fortísimos estribos os ábsides. Deu a obra cuberta e reparada nos seus muros e bóvedas para que se celebrase, como se celebrou, a festividade de San Martiño o 11 de novembro de 1866, sendo ésta a primeira obra de restauración da que se ten noticia.
É certo que os contrafortes que dende entón luce a igrexia resultan elementos exóticos á súa arquitectura, e mesmo deslucen en boa medida os fermosos ábsides; pero a verdade é que se integraron moi ben no conxunto e hoxe constituen unha das súas sinais de identidade, permitindo que o singular monumento chegara ós nosos días.
Para nós o mindoniense Francisco Lanteiro é unha figura transcendental, e acaso definitiva, na historia de San Martiño; o mestre de obras que salvou o que os titulados arquitectos querían destruir. Porque, preguntámonos, ¿que sería deste baluarte cultural e histórico, se iste home non se compromete a mantelo en pé e se consuma o veredicto dos técnicos?.