A APLICACIÓN PARA MÓBILES DE METEOGALICIA SUPERA AS 11.000 DESCARGAS
MeteoSIX Mobile achega a predición do tempo para tres días en Galicia, con case 29.500 localidades e 800 praias
A versión para iPhone saíu en xullo e en setembro publicouse a terceira actualización para os smartphones con Android, que entre outras melloras engade soporte para a última versión desta plataforma
Este ano a cobertura da aplicación estenderase a todo o litoral atlántico e resto da Península, con novos servizos, como datos das estacións meteorolóxicas e información relativa ás mareas ou ás horas de saída e posta do sol
Santiago de Compostela, 10 de Agosto de 2012. – Obter no móbil a predición meteorolóxica para calquera punto de Galicia ou da súa costa é algo moi sinxelo grazas á aplicación MeteoSIX Mobile, dispoñible para os teléfonos intelixentes e tabletas que contan cos sistemas Android e iOS (iPhone e iPad). Milleiros de persoas xa teñen instalada nos seus teléfonos intelixentes a aplicación, descargada máis de 11.200 veces, que permite buscar entre máis de 29.500 localidades e 800 praias ou seleccionar calquera lugar no mapa, en terra ou no mar, e obter a predición para ese punto.
Unha vez seleccionado o lugar, ou cando o propio móbil detecte onde se atopa, pódese consultar a predición hora a hora para tres días e as seguintes variables: estado do ceo, temperatura, precipitacións, vento, cota de neve, humidade relativa, cobertura nubosa, presión, altura, período e dirección de onda e temperatura e salinidade da auga. MeteoSIX Mobile permite gardar facilmente os lugares favoritos, para poder así acceder á predición meteorolóxica ou oceanográfica para eses puntos directamente e sen necesidade de buscalos de novo.
Está previsto que neste ano 2012 a cobertura da aplicación se estenda a todo o litoral atlántico e resto da Península Ibérica, con novas melloras e servizos, como poder coñecer información relativa ás mareas ou ás horas de saída e posta do sol nun punto determinado. Tamén se poderá consultar o estado da meteoroloxía para calquera punto de Galicia en tempo real, a partir dos datos procedentes das estacións meteorolóxicas.
INFORMACIÓN ABERTA
Usuarios avanzados como grupos de investigación universitarios e desenvolvedores interesados en crear novas aplicacións a partir dos datos que publica MeteoGalicia contan ademais cun servizo web que achega os datos de predicións en diversos formatos de fácil procesamento ou directamente inseribles en webs.
O proxecto MeteoSIX iniciouse en decembro do 2009 e está coordinado por MeteoGalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e nel tamén participan o Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (UDC), o Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Está financiado polo Plan Galego de I+D+i INCITE da Xunta de Galicia en colaboración co proxecto Interreg RAIAco, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica, e busca dotar a MeteoGalicia dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o acceso a datos meteorolóxicos e oceanográficos e crear canles de acceso á información axeitadas para o maior número posible de usuarios.
Información adicional relativa á aplicación e a este proxecto pode consultarse neste enderezo:
http://www.meteogalicia.es/web/proxectos/meteosix.action