A XUNTA DE GALIZA NON PAGA AS SUBVENCIÓNS DE FORMACIÓN CON ESTA POLÍTICA TAN AUSTERA DE FEIJOO E DOADO NON SOLICITAR RESCATES
Consonte co disposto no artigo nº 22 da Orde da Convocatoria dos Planos AFD para o 2012, os alunos e alunas dos cursos para desempregados/as AFD, teñen dereito a ser beneficiarios dunha serie de bolsas e axudas de até o 75% do IPREM (DOG nº 6 do 10 de Xaneiro do 2012). Tais axudas e bolsas deben ser pagadas ao aluno/a pola entidade adxudicataria dos cursos AFD, neste caso pola forGA.
A citada normativa, fixa tamén, no seu artigo nº 11, que a Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza debe aboar ao inicio dos cursos, ás entidades adxudicatarias (forGA), un ANTECIPO do 25% da subvención total, co obxecto, precisamente, de poidamos atender, como mínimo, o pagamento das axudas e bolsas dos alunos e alunas dos cursos.
Hoxendia, a forGA e o resto de Centros adxudicatarios de formación para desempregados/as de Galiza, atopámonos conque o GOBERNO DE FEIJOO, que tanto gava de ser serio e austero, fronte a outras Administracións Autonómicas solicitantes de rescates ao Estado, NON TEN PAGADO NEN UN SÓ EURO DO ANTECIPO DO 25%, nen á nosa, nen a outras entidades; provocando que NON DISPOÑAMOS DE LIQUIDEZ pra poder afrontar o aboamento das axudas e bolsas que lle corresponden aos alunos/as. A débeda que a Consellaría de Traballo mantén coa forGA é duns 700.000 euros.
Realizando cálculo aproximado das débedas que mantén a Xunta de Galiza cos centros de formación, por antecipos, obtemos os seguintes resultados: 45.000.000 de euros adxudicados * 25% = 11.250.000 euros.
Pola súa banda, a forGA conta con 404 alunos/as con dereito a prestacións, que xeran un débeda mensual de 95.000 euros, en conceito de bolsas e axudas.
Pois ben, ante a deixazón e actuación fraudulenta do goberno popular, a entidade forGA ten acordado, na súa Equipa de Dirección, propor ao Padroado da fundación as seguintes accións na defensa dos seus intereses e dos intereses dos alunos e alunas que connosco se forman:
1º.- Entregar a cada un dos 404 alunos/as da forGA unha comunicación explicativa da situación, así como un recoñecimento da débeda, polo concepto de bolsas e axudas.
2º.- Tentar subscribir unha póliza de crédito para poder facer fronte aos pagamento das axudas dos alunos/as.
3º.- Facilitar a cada un dos 404 alunos/as un modelo de reclamación da débeda, dirixido contra a forGA e contra a propria Consellaría de Traballo e Benestar.
4º.- Emprender accións xudiciais de responsabilidade patrimonial contra a Xunta de Galiza, en reclamación dos danos e prexuízos causados á forGA e aos seus alunos/as.
5º.- Denunciar a situación ante o Valedor do Povo.
6º.- Solicitar, a meio dos grupos políticos da oposición, explicacións ao goberno galego, en sede parlamentar.
Estamos ante un xeito de xestionar do Goberno do PP, totalmente demagóxico e fraudulento, que aboca ás e aos desempregados e quen impartimos a formación, a termos que discutir entre nós, sobre os impagamentos das bolsas e axudas dos alunos/as; cando os responsábeis directos de que non poidamos afrontar tais compromisos son os señores/as que nos gobernan e que, por riba, se permiten o luxo de darnos leccións públicas contándonos contos de formigas e cigarras.
O cumio do despropósito da Consellaría de Traballo tivo lugar hai uns días, coa publicación dos datos do desemprego do mes de Xullo 2012. Na información que se subministrou á sociedade díxose que o desemprego tiña baixado en Galiza, na cantidade de 9005 persoas; mais o que non se contou foi que, nese mesmo mes, os alunos/as dos cursos de AFD de toda Galiza (ao redor de 12.000) foran excluídos das listaxes de desempregados/as, por terse iniciado as citadas accións formativas. A treboada perfecta !!!: reducen o desemprego cos alunos/as dos cursos de formación e logo non lles pagan as entidades formativas, para que estas poidan facer o proprio con tais alunos/as.