PAULA TAMÉN BRILLARÁ ENTRE OS SOLES LARANXAS
A xuvenil Paula Cortiñas volverá estar na Primeira División co Burela FS Pescados Rubén para brillar entre os soles laranxas en 2012-13. Coa formalización da continuidade da novísima pivote, o equipo de Javier Pardeiro bota o peche na configuración da nova tempada.
Precisamente arroupada polo técnico laranxa, a xogadora cervense, que cumprirá o segundo ano no conxunto, non agochou a súa “inmensa ledicia”: “Creo que estou vivindo un soño que está ao alcance de poucas persoas” asegurou Paula, facendo referencia á súa experiencia no Burela FS, onde espera “aproveitar a oportunidade de aprender e gozar”.
“Na pista aínda me sinto nerviosa, aínda que tamén un pouco máis segura que ao principio” confesou a mariñá, confiando “na ilusión, nas ganas e no sacrificio diario para ir gañando minutos durante a tempada”. “É bastante duro compatibilizar os estudos co día a día dun equipo de elite, pero todo o traballo merece a pena por vivir esta experiencia. Tan só teño que empezar concentrada para levalo ben todo o ano”, concluíu a pequena deportista laranxa.
Pardeiro destacou a “desenvoltura e o gran labor durante a pretempada” da cervense. “É unha xogadora cun enorme potencial, coma Silvia, outra das nosas promesas. Ambas proporcionarannos frescura nas rotacións” explicou o técnico laranxa.