CONCELLO, DEPUTACIÓN E XUNTA PROCEDEN ESTES DÍAS A AMAÑAR DIVERSOS CAMIÑOS “PARA TELOS EN PERFECTO ESTADO DE REVISTA NO INVERNO”, SEGUNDO FERNANDO SUÁREZ.
Ribadeo, 5 de setembro de 2012. O Concello, a Deputación e a Xunta proceden estes días a amañar diversos camiños “para telos en perfecto estado de revista no inverno”, segundo ven de sinalar o alcalde, Fernando Suárez Barcia.
O rexedor explicou que “aproveitando este bó tempo estamos continuando a facer diversas obras de arranxo e de mellora dos camiños municipais, tanto con recursos propios como con persoal e recursos doutras administracións como poden ser a Deputación Provincial de Lugo ou a Xunta de Galicia”.
Suárez Barcia indicou que “nestes días na Devesa un equipo da Deputación de limpeza de gabias están procedendo a amañar camiños coas súas motoniveladoras, palas e camións e tamén contamos que dentro de poucos días a Xunta inicie as obras de aglomerado dun treito importante da estrada de subida a Noceda desde A Devesa. Non nos dará para chegar arriba de todo, pero sí a unha parte importante, resolvendo así xa de xeito permanente ese acceso non só a ese núcleo de poboación, senón que a xente das parroquias costeiras poderá viaxar ás do interior por un lugar moito máis corto, que ter que dar a volta pola vila de Ribadeo”.
O alcalde ribadense relatou que “tamén estamos cunhas axudas da Reserva da Biosfera poñendo unha serie de suxeitacontedores en varias parroquias, atendendo ás demandas que os veciños nos fixeron chegar ao longo dos últimos meses. E o Concello de Ribadeo está a arranxar aínda algúns danos causados polas intensas choivas de 2010, estamos amañando diversos canos de camiños principais e mesmo canalizando algún rego, despois dos laboriosos trámites que tivemos que superar con Augas de Galicia para que nos dese autorización tanto en Vilaosende como en Noceda”.
Fernando Suárez dixo que “estamos entre todos facendo unha serie de melloras, preparándonos para o inverno e estamos a recibir o apoio da Xunta e da Deputación, que seguirá despois da Devesa por outras parroquias máis, para ver si encaramos o inverno cos camiños en perfecto estado de revista”.