O VINDEIRO DOMINGO, 16 DE SETEMBRO, PÉCHASE A TEMPADA DESTE 2012 NO EIDO DOURADO. OS QUE O DESEXEN AÍNDA PODEN ACUDIR A DISFRUTAR DA SÚA EXPOSICIÓN PICTÓRICA.
Barreiros, 14 de setembro de 2012. O vindeiro domingo, 16 de setembro, péchase a tempada deste 2012 no Eido Dourado. Os que aínda queiran achegarse a disfrutar deste espazo adicado ao arte poden facelo a esa xornada. O seu artífice, o artista barreirense Celso Dourado fai un balance moi positivo deste verán.
Dourado sinalou que “o balance deste verán é tremendamente positivo porque pouco a pouco o Eido Dourado estáse a conformar coma espazo de cultura. A parte da exposición pictórica, que foi renovada, nos xardíns desenvolvemos un programa de interpretacións e actuacións musicais nestes meses. A idea que eu sempre tiven para o Eido Dourado estáse a cumprir”.
O artista barreirense lembrou que “o Eido Dourado pecha esta tempada o vindeiro domingo, 16 de setembro, ás nove da noite” e anunciou que “xa estou traballando nunha serie de proxectos expositivos, entre eles, renovar unha vez máis a colección que aquí se amosa. Hai un período ao longo do inverno por diante que me permitirá levar adiante ditos proxectos, contamos seguir traballando no eido da cultura no vindeiro verán. Agardamos seguir con esta programación de actuacións de música e de poesía, é dicir de todo aquelo que sexa complementario no Eido Dourado”.
Celso Dourado recoñeceu que é difícil organizar un programa cultural coma o que ofreceu este verán o Eido Dourado, “pero máis difícil é a situación da cultura no noso país, na nosa Galiza, onde quen fai cultura está avocado prácticamente ao esquecemento por parte de quen ten o poder neste momento. A xente da cultura, os artistas, buscan saidas como sexa e eu estou encantado de poder brindarlles o meu espazo. Espero que isto vaia mudando pouquiño a pouco, pero realmente o panorama da cultura en Galiza estáse a complicar bastante”.
Para Dourado as administracións públicas non apostan pola cultura, “ao contrario parece que lles interesa escondela. Eu non entendo cómo se poden dar esquemas nun país cos antecedentes que temos a nivel cultural e estas macroorquestras poden vivir da forma en qué viven e cobrar da forma en qué cobran, relegando a un segundo plano a quen realmente fai música de calidade na nosa terra, non o entendo”.
O Eido Dourado foi visitado durante este verán de 2012 por máis de tres mil persoas, unha cifra similar á de anos anteriores.